Consellería de Política Social e Igualdade
Obxecto1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión dunha axuda económica para as familias que no ano 2026 teñan un/unha fillo/a, adopten, sexan declaradas en situación de garda con fins adoptivos ou acollan de xeito permanente a un ou máis menores de ata tres anos de idade e para aqueloutras que teñan dereito ás contías reguladas no artigo 4.2, así como para aquelas mulleres que no ano 2026 se atopen na semana 21 ou posterior de xestación.
2. Así mesmo, é obxecto da orde proceder á súa convocatoria para o ano 2026 (código do procedemento BS403B).
3. A axuda farase efectiva a través da Tarxeta Benvida, a cal só poderá ser utilizada en oficinas de farmacia, parafarmacias, ópticas, librarías, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia que teñan establecemento aberto no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que dispoñan de documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) e que se atopen nun dos seguintes supostos:
a) Atoparse na semana 21 ou posterior de xestación entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026.
b) Ter fillas ou fillos nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026.
c) Ter constituída a adopción, acollemento familiar permanente ou ser declarado/a en situación de garda con fins adoptivos dun o máis menores de ata tres anos de idade entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026.
2. Así mesmo, poderán beneficiarse da axuda as galegas e galegos e os seus descendentes que se atopen en calquera dos dous supostos anteriores e, tendo residido fóra de España, retornen a Galicia durante o ano 2026.
3. Non poderán ser beneficiarias as persoas privadas ou suspendidas total ou parcialmente da patria potestade dos/das seus/súas fillos/as, mediante resolución xudicial firme, ou cuxa tutela ou garda fose asumida polos órganos competentes en materia de protección de menores.
Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes será de dous (2) meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento ou se dite a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de adopción, garda con fins adoptivos ou acollemento familiar permanente. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento ou do día no que se ditou a resolución de adopción, de garda con fins adoptivos ou de acollemento familiar permanente.
No suposto de muller xestante, en calquera momento do ano 2026 sempre que supere as 21 semanas de xestación.
No suposto de que a persoa solicitante sexa emigrante retornada a Galicia en 2026 e sempre que o fillo ou filla nacera no dito ano 2026, o prazo será de tres (3) meses que se contará a partir do día seguinte a aquel que conste na documentación que acredite, fidedignamente, a data de retorno a España. Así mesmo, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal da data que figure na dita documentación acreditativa.
Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
2. No suposto excepcional de ampliación da axuda ata un ano máis previsto no artigo 4.4 a comunicación da situación de especial vulnerabilidade, anexo III, realizarase dentro dos dous (2) meses anteriores á data na que o neno ou nena faga os tres anos.