Consellería do Medio Rural
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para accións de fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta de produtores forestais, en réxime de concorrencia competitiva, e convocalas para o ano 2026 (código de procedemento MR608F).
A finalidade de esta orde é establecer unha medida de fomento para a creación de agrupacións forestais de xestión conxunta de produtores forestais (en diante, AFXC) e para apoiar as xa constituídas e inscritas no correspondente rexistro a través de dúas liñas de axudas:
Liña I: axudas para a creación de agrupacións forestais de xestión conxunta de produtores forestais mediante calquera figura xurídica de natureza civil ou mercantil, que promova, impulse e poña en marcha iniciativas de xestión conxunta sustentable e diversificada de terreos dedicados á actividade forestal. Segundo o tipo de AFXC, podemos ter axuda para:
– Liña I-bas: axudas para a creación de agrupacións forestais de xestión conxunta básicas (en diante, AFXC básicas).
– Liña I-ter: axudas para a creación de agrupacións forestais de xestión conxunta con base territorial (en diante, AFXC territorial).
Liña II: axudas para o apoio das agrupacións forestais de xestión conxunta de produtores forestais xa creadas e inscritas no correspondente rexistro para a realización de novos procesos ou actividades non executadas previamente, orientadas a reforzar a actividade das AFXC e a súa capacidade organizativa, técnica e comercial.
2. Esta orde enmárcase na intervención 7191, Proxectos de cooperación para promover as organizacións ou grupos de produtores, subintervención 7191_01, Agrupacións forestais de xestión conxunta, contida no Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (PEPAC) e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Esta medida contribúe aos obxectivos de fomento da cooperación, agrupación e incremento da dimensión económica e comercial das organizacións forestais, conforme o disposto no Plan estratéxico da PAC 2023-2027.
Entidades beneficiarias
1. Serán entidades beneficiarias da liña I (axudas para creación de AFXC de produtores forestais):
a) Asociacións sen ánimo de lucro constituídas para o auxilio, apoio e asesoramento ás persoas propietarias ou titulares dos dereitos de aproveitamento de terreos na planificación da xestión forestal e na xestión e comercialización conxunta dos seus aproveitamentos, sempre que estean compostas por persoas titulares dos indicados dereitos dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Sociedades civís e comunidades de bens.
c) Cooperativas e outras entidades de economía social.
d) Sociedades agrarias de transformación.
e) Sociedades mercantís reguladas na lexislación de sociedades de capital.
f) Sociedades de fomento forestal.
g) Calquera outra entidade que teña por obxecto a recuperación, de forma conxunta, de terras forestais, que desexe inscribirse como unha AFXC e cuxa actividade se desenvolva en terreos forestais no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
Dentro da liña I, a entidade solicitante debe optar entre:
1) Liña I-bas (axudas á creación de agrupacións forestais de xestión conxunta básicas): a superficie da agrupación debe pertencer a un mínimo de 3 propietarios diferentes e deben sumar unha superficie mínima que, segundo a tipoloxía, será:
– Masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras: 10 hectáreas.
– Masas de coníferas: 25 hectáreas.
– Outras masas ou masas mixtas: 50 hectáreas.
2) Liña I-ter (axudas á creación de agrupacións forestais de xestión conxunta con base territorial): deben ter cedida ao seu favor, unha vez completados os traballos para os cales se solicita a subvención, a xestión dun mínimo de 10 hectáreas de terreos forestais situadas dentro de un ou varios perímetros de xestión conxunta que pertenzan a un número mínimo de 3 propietarios diferentes. Cada área (perímetro) que forme parte da agrupación non pode ter unha superficie inferior a 3 hectáreas.
2. Tamén poderán ser entidades beneficiarias da liña I aquelas agrupacións forestais de xestión conxunta básicas que, antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes, estean inscritas no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e soliciten a súa transformación en agrupacións forestais de xestión conxunta con base territorial (liña I-ter).
3. Poderán ser entidades beneficiarias da liña II aquelas agrupacións forestais de xestión conxunta de produtores forestais con base territorial que, antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes, estean inscritas no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, así como aquelas que, dentro do devandito prazo, presentasen a solicitude de inscrición como AFXC territorial no citado rexistro. Neste último caso, a inscrición deberá estar formalizada no rexistro con carácter previo á emisión da proposta de resolución de aprobación.
4. As entidades beneficiarias deben cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha clase de inhabilitación de axudas previstas no seu artigo 10. Ademais, as entidades beneficiarias non deben estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Ademais, tamén deben cumprir os requisitos establecidos no artigo 122 e seguintes da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e as disposicións contidas nesta orde.
5. Conforme o artigo 20 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, as comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) poderán pertencer ás agrupacións forestais de xestión conxunta, preferentemente a aquelas agrupacións que dispoñan, dentro da súa superficie de actuación de xestión conxunta, de parcelas lindeiras co límite do monte veciñal. Coa finalidade de procurar unha explotación máis eficiente e sustentable do monte, as comunidades de montes veciñais en man común terán plena capacidade xurídica para a realización de actos ou negocios xurídicos para pertencer ás agrupacións de xestión conxunta.
Ademais, as CMVMC poderán ceder a xestión de toda ou parte da súa superficie á agrupación forestal de xestión conxunta conforme a lexislación sectorial vixente.
As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poder acceder a estas subvencións e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal, con anterioridade ao remate do prazo de solicitude da axuda.
6. Non poderán ser persoas beneficiarias as empresas en crise ou as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
7. Non poderán ser entidades beneficiarias aquelas que resultasen adxudicatarias de axudas da liña I concedidas ao abeiro da Orde do 20 de marzo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR608F), agás nos casos en que a nova solicitude teña por obxecto o cambio de tipoloxía da AFXC (de básica a territorial). Neste caso, será condición necesaria a renuncia expresa á subvención previamente concedida.
8. Non poderán ser entidades beneficiarias aquelas agrupacións ou organizacións que se promovan a través dos plans sectoriais correspondentes. Os membros dunha agrupación subvencionada non poden ser membros doutra promoción de cooperación que recibise apoio económico para o mesmo fin.
9. Os membros da AFXC non poden ser grandes empresas, de conformidade co previsto no artigo 52.1 do Regulamento (UE) 2022/2472. A entidade beneficiaria comprométese a achegar, cando así o requira o órgano xestor, a documentación acreditativa do citado aspecto.
10. Os requisitos para a obtención da axuda e as condicións tidas en conta nos criterios de baremación indicados no artigo 8 deberanse cumprir na data de finalización do prazo de solicitude.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de 45 días hábiles para a liña I e 30 días hábiles para a liña II, contados a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.