Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Obxecto e ámbito de aplicación
Esta resolución ten por obxecto convocar a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos correspondente ao ano 2026 na Comunidade Autónoma de Galicia, con código de procedemento administrativo ED534A, conforme se dispón nos artigos seguintes.
Requisitos
1. Poderán participar nesta proba as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser maior de vinte anos ou facer esa idade no ano 2026.
b) Non estar en posesión do título de bacharel ou de calquera outro título declarado equivalente para os efectos académicos.
c) Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes nin ter estado matriculado nesas ensinanzas no curso escolar 2025/26.
2. O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria da proba e, se é o caso, dos posibles resultados académicos obtidos nela.
Data e lugar de realización da proba
1. A proba realizarase en Santiago de Compostela os días 23 e 24 de abril de 2026 no IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela.
2. Á vista das persoas inscritas, a Dirección Xeral de Formación Profesional poderá establecer outros centros, de seren necesarios para a realización da proba.
Características xerais da proba e estrutura
1. A proba organizarase de xeito diferenciado segundo as distintas modalidades de bacharelato convocadas e constará de dous exercicios:
a) Primeiro exercicio: consta de cinco exames correspondentes a materias comúns a todas as modalidades de bacharelato.
b) Segundo exercicio: consta de tres exames correspondentes a materias específicas de cada modalidade.
2. Cada persoa participante realizará os exames en que figure inscrita.
3. Os exames de que consta cada exercicio son os establecidos no anexo IV desta resolución.
Modalidades convocadas
1. A proba convócase para as modalidades de Ciencias e Tecnoloxía e de Humanidades e Ciencias Sociais.
2. Porén, poderán inscribirse na proba e titular pola modalidade Xeral ou de Artes na vía elixida as persoas que estean en condicións de recoñecemento do segundo exercicio conforme o establecido no anexo VI da presente resolución.
Forma, prazo e lugar de presentación de solicitudes de inscrición
1. As persoas interesadas en participar na proba presentarán unha única solicitude de inscrición (anexo I).
2. Na solicitude de inscrición deberase indicar a modalidade de bacharelato elixida e os exames en que se solicite inscrición.
3. O prazo de presentación de solicitudes será do 26 de febreiro ao 11 de marzo de 2026, ambos os dous incluídos.
4. A identidade dos solicitantes quedará acreditada mediante DNI, NIE, pasaporte ou calquera outro documento acreditativo da identidade recoñecido en dereito.
5. Debido á imposibilidade funcional para a presentación electrónica das solicitudes nos centro educativos, as solicitudes de inscrición deberán presentarse presencialmente nos centros educativos sinalados no número 6 deste artigo ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal dirixido á Dirección Xeral de Formación Profesional da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
6. Os centros habilitados para a recepción de solicitudes son os seguintes:
• IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela.
• EPAPU Eduardo Pondal, rúa da Educación, 3, 2º andar, 15003 A Coruña.
• EPAPU Albeiros, parque da Milagrosa, s/n, 27003 Lugo.
• EPAPU de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor, 4, 32002 Ourense.
• EPAPU Río Lérez, avenida de Buenos Aires, 26, 36002 Pontevedra.
• EPAPU Berbés, rúa Marqués de Valterra, 8, 1º andar, 36202 Vigo.
Documentación complementaria
1. Cando proceda, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Pasaporte ou documento acreditativo da identidade recoñecido en dereito.
b) Certificación do ditame de discapacidade, cando este fose emitido por unha Administración distinta da Xunta de Galicia.
c) Certificacións académicas que acrediten o dereito á concesión do recoñecemento de estudos previos.
2. A documentación complementaria presentarase presencialmente nos centros educativos sinalados no número 6 do artigo 11 ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.