martes, 10 de febrero de 2026

BONO EMANCÍPATE 2026

 Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas económicas a través do Bono Emancípate, no ano 2026, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento CT501B).

Obxecto
Establecer os requisitos e o procedemento de concesión dunha axuda económica a través do Bono Emancípate, destinada ás persoas mozas traballadoras que aluguen ou adquiran en propiedade unha vivenda, para contribuír a sufragar os gastos derivados da súa emancipación nunha vivenda distinta da dos/das seus/súas proxenitores/as, que non sexan os do prezo de adquisición ou da renda de alugamento, como son os derivados da adquisición de mobiliario e artigos de decoración en xeral, electrodomésticos, enxoval de cociña e baño e téxtil de fogar, e proceder á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CT501B).

Persoas beneficiarias
1. Poderán beneficiarse desta axuda as persoas físicas maiores de idade que reúnan todos e cada un dos requisitos seguintes:
1.1. Ter menos de 36 anos de idade no momento de solicitar a axuda.
1.2. Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso das persoas estranxeiras non comunitarias, deberán encontrarse en situación de estadía ou residencia regular en España.
1.3. Dispoñer de, polo menos, unha fonte regular de ingresos na data da solicitude.
Para estes efectos, entenderase que ten unha fonte regular de ingresos quen estea traballando por conta propia ou allea, o persoal investigador en formación e as persoas perceptoras dunha prestación social pública de carácter periódico, contributiva ou asistencial, sempre que poidan acreditar unha vida laboral de, polo menos, tres meses de antigüidade nos seis meses inmediatamente anteriores ao momento da solicitude, ou unha duración prevista da fonte de ingresos de, polo menos, seis meses contados desde o día da súa solicitude.
No caso de dispoñer de máis dunha fonte regular de ingresos, as rendas computables serán a suma das rendas derivadas das ditas fontes.
1.4.
• Para o caso de persoas solicitantes con unidade de convivencia, que a suma dos ingresos anuais das persoas que a compoñen sexan iguais ou inferiores a catro veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM). Este límite será de cinco veces o IPREM cando na composición da unidade de convivencia haxa persoas cunha discapacidade inferior ao 33 %, e de seis veces o IPREM cando o grao de discapacidade recoñecido sexa igual ou superior ao 33 %.
Só se terán en conta as rendas anuais da persoa solicitante no caso de que concorran os seguintes dous requisitos:
a) Que no momento de solicitar a axuda ningunha das persoas que conviva na vivenda teña entre si parentesco en primeiro grao de consanguinidade ou ben que todas elas teñan menos de 36 anos de idade.
b) Que todas elas subscriban o contrato de alugamento ou a escritura pública de compravenda da vivenda.
Para este caso, o límite da suma de ingresos anuais será o que se indica no punto seguinte.
• Para o caso de persoas solicitantes sen unidade de convivencia, que a suma dos seus ingresos anuais sexa igual ou inferior a tres veces o IPREM. Este límite será de catro veces o IPREM cando a persoa solicitante conte cunha discapacidade inferior ao 33 %, e de cinco veces o IPREM cando o grao de discapacidade recoñecido sexa igual ou superior ao 33 %.
1.5. Ser titular na Comunidade Autónoma de Galicia, en calidade de persoa arrendataria, dun contrato de alugamento de vivenda formalizado, con posterioridade ao 30 de abril de 2025, nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, que teña unha duración mínima dun ano, ou ter subscrito como adquirente unha escritura pública de compravenda dunha vivenda, con posterioridade ao 30 de abril de 2025, que estea construída e que conte con licenza de primeira ocupación no momento da presentación da solicitude, xa sexa nova ou usada, ou ser adquirente ou adxudicataria, en primeira transmisión, dunha vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral ou especial.
Non se admitirán solicitudes en que unha parte da vivenda se adquira por herdanza ou por outro medio distinto á compravenda.
Entenderase como data de formalización do contrato de alugamento de vivenda a data da sinatura do contrato inicial, con independencia das súas posibles prórrogas e da data de produción de efectos establecida no contrato de arrendamento.
1.6. Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda arrendada ou adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude.
1.7. Non se poderá conceder a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das que compoñen a unidade de convivencia se encontre nalgunha das situacións que a continuación se indican:
a) Ser persoa propietaria ou usufrutuaria dalgunha vivenda en España distinta daquela que é obxecto da solicitude. Para estes efectos, non se considerará que é persoa propietaria ou usufrutuaria dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota dela e se obtivese por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuarase deste requisito aquel que, sendo titular dunha vivenda, acredite a súa non dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa titular ou dalgunha outra persoa da súa unidade de convivencia.
b) Ter parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora ou vendedora da vivenda.
c) Ser socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora ou vendedora.
2. As persoas beneficiarias e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia deberán estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
3. Non poderán obter a condición de beneficiarias desta axuda aquelas persoas que xa resultasen beneficiarias dela conforme a Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas económicas a través do Bono Emancípate, no ano 2025, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento CT501B); DOG núm. 18, do 28 de xaneiro (corrección de erros no DOG núm. 22, do 3 de febreiro).
4. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas persoas que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
5. Só se poderá obter unha axuda por cada vivenda alugada ou adquirida, e cada beneficiario só poderá selo por relación a unha vivenda alugada ou adquirida, sen que se poida obter a axuda por ambas as modalidades mesmo en vivendas diferentes. Porén, no caso de que formulen cadansúa solicitude máis dunha persoa integrante da unidade de convivencia e para a mesma vivenda, deberán comunicalo na solicitude no campo habilitado na epígrafe «Datos específicos» do anexo I e distribuirase entre elas a contía da axuda prevista no artigo 7 a partes iguais, sempre que cumpran cos requisitos establecidos na convocatoria e consten todas como titulares do correspondente contrato de alugamento ou de compravenda como persoas arrendatarias ou adquirentes, respectivamente. Para estes casos, o crédito dispoñible en cadansúa tarxeta virtual será o correspondente á contía asignada a cada unha delas, sen que a suma das partes poida superar en ningún caso o importe total da axuda que corresponda segundo o caso.

Contía
Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 2.920.000 €.
A contía total da axuda é de 1.500 € para as persoas mozas que, reunindo os requisitos establecidos nestas bases, soliciten a axuda na súa condición de arrendatarias dunha vivenda diferente da dos/das seus/súas proxenitores/as, e de 3.000 € para as que adquirisen unha vivenda en propiedade, con posterioridade ao 30 de abril de 2025 e, en todo caso, antes da data de remate do prazo de solicitudes.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes iniciarase ás 9.00 horas do día 13 de febreiro de 2026 e estará aberto ata o día 30 de abril de 2026, ás 20.00 horas, salvo que se produza con anterioridade o esgotamento do crédito orzamentario dispoñible, caso en que se observará o disposto no artigo 3.4.

Outros datos
O procedemento de concesión da axuda é o de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
A axuda farase efectiva a través da tarxeta moedeiro virtual Bono Emancípate, que se expedirá a nome da persoa solicitante. Esta tarxeta non poderá ser utilizada en compras a distancia.
As tarxetas están sometidas a caducidade e non poderán ser usadas máis alá do 31 de decembro de 2026, data límite de vixencia desta orde.