Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Obxecto
Convocar, con carácter gratuíto, cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega (Celga), niveis 2, 3 e 4, que se indican nos anexos I (cursos presenciais) e II (cursos en liña).
Persoas destinatarias
1. Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega (Celga) poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen mellorar o seu coñecemento e dominio do galego e preparar as probas que a Secretaría Xeral da Lingua convoca periodicamente para certificar a competencia nesta lingua.
2. Para conseguir un rendemento adecuado dos cursos, hai que procurar a homoxeneidade dos coñecementos do alumnado. Polo tanto, ao solicitar o curso dun determinado nivel Celga, a persoa interesada deberá ter en conta a definición de contidos correspondente a ese nivel prevista na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 146, do 30 de xullo de 2007 (corrección de erros no DOG núm. 178, do 13 de setembro).
Solicitudes, proba previa de nivel e prazo de inscrición
1. As persoas interesadas en inscribirse nos cursos, presentarán a súa solicitude a través da plataforma de teleformación da Secretaría Xeral da Lingua, no enderezo electrónico https://formacion-lingua.xunta.gal. Tras acceder á citada plataforma, deberán identificarse co nome da persoa usuaria e contrasinal. Se unha persoa non é usuaria da plataforma, deberá crear unha conta como paso previo á inscrición.
Non serán admisibles outras formas de presentación das solicitudes. As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na Secretaría Xeral da Lingua unha vez que se complete correctamente o proceso de inscrición.
2. Co fin de conseguir o rendemento adecuado do curso, conforme o punto segundo, parágrafo 2, desta resolución, ao seleccionar a persoa interesada aquel no cal desexa inscribirse, o sistema pediralle que realice unha proba de nivel para verificar que ese curso é o que mellor se adapta aos seus coñecementos previos de lingua galega. Só haberá un intento por cada nivel. Se o resultado da proba é apto, este actuará como criterio de preferencia á hora de asignar as prazas do curso cando o número destas sexa menor ca o de solicitantes. As persoas que non superen a proba poderán igualmente inscribirse no curso, se ben non terán preferencia na asignación das prazas.
3. Cada persoa só poderá inscribirse nun único curso. Do contrario, quedará automaticamente excluída do proceso de selección. A falsidade ou a ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes tamén dará lugar á exclusión automática, así como a presentación de solicitudes fóra de prazo.
4. As persoas solicitantes dun curso en liña deberán dispoñer dun equipamento informático que cumpra, como mínimo, os seguintes requisitos técnicos:
– Un ordenador con conexión á internet (de banda larga).
– Un navegador web (recoméndase ter instalada a última versión de Firefox).
– Acceso á conta de correo electrónico especificada na solicitude de inscrición.
– Un micrófono ou calquera medio alternativo que permita a gravación de voz en formato electrónico (mp3 ou equivalente).
5. No caso daquelas persoas con necesidades educativas especiais que precisen apoio para realizar un curso presencial, indicarán na súa solicitude de inscrición o apoio concreto que necesitan, cuxa concesión será valorada pola Secretaría Xeral da Lingua.
6. O prazo de presentación das solicitudes de inscrición será de 15 días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.