jueves, 5 de febrero de 2026

SUBVENCIÓNS DO PROGRAMA DE AXUDAS ECONÓMICAS INDIVIDUAIS PARA PERSOAS RESIDENTES NO EXTERIOR 2026

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 16 de xaneiro de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para o ano 2026 (código de procedemento PR925A).

Obxecto
1. O obxecto desta resolución é establecer as bases dun programa de axudas económicas individuais e de carácter extraordinario, non periódico e social, para o ano 2026, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixido ás persoas emigrantes de nacionalidade española e orixe galega, e a determinados familiares, residentes nos países do estranxeiro en que o Estado español teña fixada unha base de cálculo para a prestación por razón de necesidade no ano anterior ao da convocatoria e que se encontren en situación de precariedade económica. Están destinadas a acadar recursos económicos que contribúan a satisfacer as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria para as cales non dispoñan de cobertura suficiente.
2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar as ditas axudas para o ano 2026 (código de procedemento PR925A).

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas:
1. As persoas emigrantes nacidas en Galicia maiores de idade e residentes nalgún dos países do estranxeiro para os cales o Estado español teña fixada unha base de cálculo para a prestación por razón de necesidade no ano anterior ao da convocatoria.
2. Os/as seus/súas fillos/as maiores de idade (coa excepción prevista para o caso das axudas por violencia de xénero) que teñan a nacionalidade española e se encontren vinculados/as a un concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes.
3. No caso do falecemento das persoas arriba indicadas, poderán ser, por unha vez, persoas beneficiarias as seguintes:
a) O cónxuxe viúvo/a ou parella de feito ou relación análoga de afectividade dunha persoa beneficiaria na última convocatoria deste programa, que falecese nos doce meses anteriores ao último día do prazo para a presentación de solicitudes en 2026, que acredite esas condicións e o cumprimento dos requisitos do artigo 3.1.e) e f), de conformidade co disposto no artigo 9.1.
b) Un membro da unidade familiar dunha persoa solicitante desta axuda que reúna as condicións para ser beneficiaria e faleza despois do último día do prazo de presentación de solicitudes e antes do 30 de xuño de 2026, sempre e cando o solicite por escrito dentro dese período, teña 18 anos feitos e acredite esas condicións e o cumprimento dos requisitos do artigo 3.1.e) e f), de conformidade co disposto no artigo 9.1.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses.
O prazo iniciarase ás 9.00 horas a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e o último día de presentación de solicitudes finalizará ás 20.00 h.
Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbera día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.