lunes, 9 de febrero de 2026

PROGRAMA DE AXUDAS DE EMERXENCIA SOCIAL 2026

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 27 de xaneiro de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras do programa de axudas de emerxencia social e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento PR935A).

Obxecto
Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de axudas de emerxencia social e proceder á súa convocatoria para o ano 2026, coa finalidade de outorgar unha prestación económica única a persoas emigrantes de nacionalidade española e orixe galega residentes en América con escasos recursos, e aos seus descendentes, para atender situacións de imperiosa necesidade derivadas de circunstancias extraordinarias sobrevidas nos últimos 12 meses (código de procedemento PR935A).
En concreto, a devandita prestación vai dirixida a cubrir gastos específicos para aliviar as carencias que afectan estes tres ámbitos principais:
1. As condicións básicas de subsistencia: alimentación, coidados persoais esenciais, educación…
2. As condicións de vivenda: deterioración grave, falta de equipamento ou dotacións esenciais.
3. As condicións de saúde e benestar social: necesidades perentorias de carácter sanitario ou asistencial.

Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas:
1. As persoas emigrantes nacidas en Galicia e residentes nalgún dos países de América para os cales o Estado español teña fixada unha base de cálculo para a prestación por razón de necesidade no ano anterior ao da convocatoria.
2. Os/as fillos/as daquelas que residan nalgún dos países de América arriba indicados sempre que teñan a nacionalidade española e se estean vinculados/as con calquera concello galego no Padrón de españois residentes no exterior (PERE) desde, polo menos, 3 meses antes da data de presentación da solicitude.
3. Para o suposto de situacións de emerxencia que incidan nas condicións de saúde, provocando gastos extraordinarios de carácter sanitario ou asistenciais ao solicitante, poderán ser perceptores tamén os descendentes de emigrantes galegos ata o segundo grao por consanguinidade que cumpran as mesmas condicións do número anterior.

Importe
1. A concesión das axudas reguladas nesta resolución financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 14.05.312C.480.0, código de proxecto 2015 00034, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, por importe de setenta e cinco mil euros (75.000 €).
2. A contía das axudas de emerxencia social por persoa beneficiaria non poderá ser inferior a 500 € nin exceder os 3.000 €.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes comezará ás 9.00 horas do quinto día natural seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o día de inicio do prazo sexa inhábil, comezará o día hábil seguinte.
Este prazo rematará o 5 de outubro de 2026, ás 20.00 horas, sen que en ningún caso poida ser inferior a un mes.