Axencia Galega da Industria Forestal
Obxecto
1. Nos termos desta resolución, serán subvencionables os proxectos realizados polas entidades beneficiarias descritas no artigo 2 desta resolución que integren actividades de carácter formativo non regrado, así como actividades de carácter divulgativo que promovan a industria forestal-madeira de Galicia como unha industria estratéxica e de futuro.
2. As persoas solicitantes poderán presentar, como máximo, un proxecto ao abeiro desta resolución. Os proxectos poderán incluír actividades independentes, tanto para a organización de accións formativas non regradas como accións de divulgación.
No caso de que se presentasen dous ou máis proxectos, tería prioridade o último presentado dentro do prazo.
3. Para os efectos desta resolución, serán subvencionables as seguintes actividades:
a) Organización de actividades formativas non regradas de carácter específico, tales como másters ou cursos relacionados coa industria forestal-madeira. En concreto, subvencionaranse exclusivamente as actividades que aborden as seguintes temáticas:
1º. Habilidades e coñecementos na execución de aproveitamentos madeireiros, na execución de aproveitamentos non madeireiros tales como a resina e castaña, en tratamentos silvícolas e na utilización de maquinaria forestal.
2º. Habilidades no manexo de maquinaria de primeira transformación, así como coñecemento dos procesos industriais de serra, secado, clasificación da madeira e tratamentos preventivos e curativos da madeira que contribúan á súa valorización comercial.
3º. Habilidades no manexo de maquinaria de segunda transformación, control numérico CNC, procesos de acabamento, así como no desenvolvemento de proxectos de instalación e amoblamento.
4º. Incorporación do ecodeseño como ferramenta de diferenciación nos produtos de madeira ao longo de toda a cadea de valor e, en particular, na carpintería e no moble.
5º. Coñecemento sobre materiais derivados da madeira, as súas últimas innovacións e aplicacións, a circularidade dos produtos madeireiros e forestais non madeireiros, así como un uso en serie.
6º. Competencias profesionais en materia de construción en madeira, incluíndo o uso de bases de datos de construción sustentable.
7º. Competencias profesionais para a elaboración de declaracións ambientais de produto (DAP) ou análises de ciclo de vida (ACV).
8º. Competencias profesionais para a caracterización e clasificación de madeiras locais.
b) Organización de actividades formativas non regradas de carácter transversal, tales como másters ou cursos relacionados coa industria forestal-madeira. Subvencionaranse exclusivamente as actividades que aborden as seguintes temáticas:
1º. Seguridade e saúde laboral nos procesos da cadea de valor da industria forestal-madeira que incorpore as novidades tecnolóxicas da industria e que permita a aprendizaxe permanente (lifelong learning) neste ámbito. Queda excluída a formación centrada especificamente nos postos de traballo ou funcións de cada traballador, así como a adaptación desta á aparición de novos riscos.
2º. Competencias para o manexo de software e TIC no ámbito da industria forestal-madeira.
3º. Habilidades directivas e formación en métodos de xestión, dirección, comercialización e márketing, incluíndo formación en clave de xénero, así como de detección e aplicación de protocolos en materia de acoso no contorno laboral.
4º. Implantación de procesos de certificación forestal (FSC e PEFC), dilixencia debida, así como métodos para monitorizar a orixe e o destino da madeira (entre outros, mediante tecnoloxía blockchain).
c) Organización de actividades de divulgación: xornadas, conferencias, seminarios, charlas ou visitas instrutivas en colexios, universidades ou outros centros ou, en xeral, calquera formato de divulgación sobre a industria forestal-madeira. A protagonista indubidable das actividades de divulgación será a industria forestal-madeira e a súa cadea de valor, quedando excluídos outros usos ou labores vencellados ao monte.
Subvencionaranse exclusivamente as actividades que aborden as seguintes temáticas:
1º. Difusión das vantaxes ambientais do uso da madeira e da súa contribución á sustentabilidade e á economía circular, así como das ferramentas que facilitan a súa cuantificación e comunicación: análise de ciclo de vida, ecodeseño, etiquetaxes ambientais, etc.
2º. Novos usos da madeira na construción.
3º. Materiais derivados da madeira, as súas últimas innovacións e aplicacións.
4º. Necesidade de certificación (PEFC e FSC) da xestión forestal, implantación da cadea de custodia e dilixencia debida, así como métodos para monitorizar a orixe e o destino da madeira.
5º. Nova demanda de produtos madeireiros ou baseados na madeira.
6º. O papel da muller na industria forestal-madeira: perfís profesionais, impacto e impulso de novas vocacións.
7º. Calquera das temáticas recollidas nos puntos 3.a) e 3.b) do presente artigo.
4. As actividades deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Realizaranse no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Deben executarse dentro do prazo de xustificación recollido na convocatoria.
c) As actividades de carácter formativo non regradas deben estar orientadas a profesionais da industria forestal-madeira (incluídas persoas prescritoras e instaladoras en madeira), así como a estudantes de formación profesional e estudantes universitarios vencellados ao ámbito forestal-madeira ou recentemente titulados nos ditos estudos. O alumnado mínimo establecido no punto 4.g) deste artigo debe ter ese perfil, sen prexuízo de que a maiores asistan persoas que non sexan profesionais en activo. En ningún caso se poderá restrinxir a inscrición nas actividades solicitadas a persoal, alumnado ou persoas asociadas da entidade beneficiaria.
d) As actividades terán unha duración mínima de 8 horas lectivas.
e) As actividades formativas poderán realizarse exclusivamente en formato presencial, en liña ou mixto. As actividades en liña ou mixtas terán que impartir un mínimo do 50 % das horas lectivas en formato presencial.
f) Só no caso de actividades de divulgación, en que o público obxectivo non se convoque nun momento determinado, como pode ser o caso das campañas de divulgación, os folletos, contos..., permitirase a modalidade sen participación directa.
g) A asistencia mínima requirida ás actividades formativas será:
– No caso de actividades formativas non regradas, serán subvencionables os gastos correspondentes ás actividades en que se acredite a asistencia mínima de 10 persoas, sempre e cando esas 10 persoas acrediten unha asistencia polo menos ao 80 % da duración da actividade.
– No caso de actividades divulgativas, excepto aquelas que teñan un carácter exclusivamente de difusión por medios audiovisuais, serán subvencionables os gastos correspondentes coa condición de que se acredite a asistencia mínima de 20 persoas.
O control da asistencia realizarase da seguinte forma:
i.i) Actividades formativas non regradas organizadas en formato presencial: a entidade solicitante deberá levar un control diario da asistencia, que será asinado polo alumnado á hora de entrada e saída, así como pola persoa representante da entidade conforme o anexo VI, sen prexuízo do disposto no artigo 21.1.f) para o caso de actividades xa realizadas na data de presentación da solicitude.
i.ii) Actividades formativas non regradas organizadas en formato en liña ou mixto, que utilicen outras plataformas de videoconferencia: o alumnado non terá que asinar o control de asistencia, aínda que o devandito documento será redactado e asinado igualmente pola persoa representante da entidade solicitante, conforme o anexo VI. Ademais, será obrigatorio presentar capturas de pantalla en que se identifiquen claramente as persoas participantes.
ii) Para as actividades divulgativas, tales como xornadas, conferencias, seminarios, charlas ou visitas a colexios, universidades ou outros centros ou, en xeral, calquera acción de divulgación sobre a industria forestal-madeira, será suficiente unha certificación da persoa representante da entidade solicitante, acompañada, de ser o caso, dos datos de inscrición na actividade, conforme o anexo VI.
iii) En todos os casos, o anexo VI entregarase en formato pdf e en formato folla de cálculo e achegarase cos informes fotográficos acreditativos do cumprimento das medidas de publicidade e difusión establecidos no artigo 21.1.g)
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias sempre que, con anterioridade á publicación desta resolución, cumpran as condicións e os requisitos establecidos nela:
a) Asociacións, organizacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro que teñan base asociativa e sexan representativas da cadea de valor da industria forestal-madeira.
b) Agrupacións empresariais innovadoras (AEI) sen ánimo de lucro, representativas da cadea de valor da industria forestal-madeira.
c) Colexios profesionais vinculados ás titulacións de Enxeñaría de Montes e/ou Enxeñería Técnica Forestal, e outros colexios profesionais cando as actividades subvencionables se correspondan coa promoción e o desenvolvemento de competencias en materia de construción en madeira e teñan cabida nas competencias profesionais dos colexiados do devandito colexio.
d) Centros universitarios, cando as actividades subvencionables se correspondan coa promoción e o desenvolvemento de competencias profesionais en materia de construción en madeira.
2. Con carácter xeral, as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Estar legalmente constituídas e rexistradas nos rexistros competentes e estar ao día nas obrigas referidas ao depósito de documentos e inscrición de acordos nos devanditos rexistros, de ser o caso.
b) Non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin ter pendentes de pagamento débedas coa Comunidade Autónoma, así como estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
c) Realizar as actividades obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.
d) Ter domicilio social e actividade en Galicia, con data anterior á publicación da presente resolución.
e) Acreditar o cumprimento dos prazos de pagamento que se establecen na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para axudas de importe superior a 30.000 euros e cando as entidades solicitantes sexan suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.