jueves, 19 de febrero de 2026

AXUDAS AOS INVESTIMENTOS EN TECNOLOXÍAS FORESTAIS, PROCESAMENTO, MOBILIZACIÓN E COMERCIALIZACIÓN DE PRODUTOS FORESTAIS

 Axencia Galega da Industria Forestal

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan, por anticipado de gasto, para o ano 2026 en réxime de concorrencia competitiva as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) (código de procedemento IN500A).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais (código de procedemento IN500A) e proceder á súa convocatoria para o ano 2026 en réxime de concorrencia competitiva.
2. Poderán ser subvencionables exclusivamente os seguintes investimentos elixibles:
Liña 1. Xestión forestal activa.
a) Procesadoras, cortadoras e outros equipamentos de corta destinados á realización de cortas intermedias (desmestas e rareos), así como as súas adaptacións e implementos, que deberán instalarse en equipamentos propiedade da solicitante. Entendendo por este tipo de maquinaria aquela que reúna as seguintes condicións:
i) Largura máxima de 2,75 metros e alcance mínimo do guindastre de 8 metros.
ii) Para maquinaria de rodas de:
Peso máximo de 18,5 toneladas e cabezal con diámetro máximo de corte de 600 mm. para máquinas de ata 6 rodas.
Peso máximo de 20,5 toneladas e cabezal con diámetro máximo de corte de 600 mm. para máquinas de ata 8 rodas.
iii) Para maquinaria de cadeas: peso máximo de 21 toneladas, raio de xiro mínimo ou raio de xiro cero, e cabezal con diámetro máximo de corte de 600 mm.
iv) No caso de cabezais procesadores ou cortadores, estes deberán ser instalados en equipos propiedade da solicitante, e deberá acreditar que a máquina base onde se van instalar, cumpre as características definidas nesta liña de investimentos. Ao igual, que no punto anterior, os cabezais deberán ter un diámetro máximo de corte de 600 mm.
b) Autocargadores e tractocargadores completos, estes últimos ata 200 Kw de potencia, así como as súas adaptacións e implementos, que deberán instalarse en equipamentos propiedade da solicitante. Os autocargadores e tractocargadores, para a realización de carga e de transporte dos produtos obtidos nestas operacións, deberán dispor dunha capacidade máxima de carga de 12 toneladas e unha largura máxima de equipamento de 2,7 metros.
No caso de tractocargadores, deberán ter as cabinas homologadas para a aplicación forestal conforme as normas de seguridade ROPS (ISO 8082-1 ou 8082-2 segundo corresponda), FOPS (ISO 8083:2006) e OPS (ISO 8084:2003), así como o asento xiratorio homologado para o xiro da persoa operaria sentada, proteccións forestais en cabina, rodas e baixos, e irán dotados de guindastre, cabrestante e remolque forestal de tracción.
No caso de equipos automotrices que dispoñan dun motor térmico de combustión, tales como procesadoras, cortadoras, autocargadores, tractocargadores, arrastradores, etc. deberán dispor dun sistema automático de detección e extinción de lumes no equipo. O sistema de extinción deberá empregar un elemento de extinción efectivo en lumes de líquidos inflamables, como gasóleo ou aceites hidráulicos, e deberá non ser corrosivo, ser biodegradable, e permitir unha limpeza fácil da máquina tras a súa activación.
Liña 2. Madeira e biomasa.
a) Acondicionamento e instalacións en parques intermedios de rolla ou biomasa.
b) Autocargadores, arrastradores forestais e tractocargadores completos, estes últimos ata 200 Kw de potencia, así como as súas adaptacións e implementos, que deberán instalarse en equipamentos propiedade da solicitante. Os tractocargadores deberán ter as cabinas homologadas para aplicación forestal conforme as normas de seguridade ROPS (ISO 8082-1 ou 8082-2 segundo corresponda), FOPS (ISO 8083:2006) e OPS (ISO 8084:2003), así como o asento xiratorio homologado para o xiro da persoa operaria sentada, proteccións forestais en cabina, rodas e baixos, e irán dotados de guindastre, cabrestante e remolque forestal de tracción. Estas adaptacións e estas normas exixiranse tamén aos tractores orientados á recollida ou aproveitamento comercial de biomasa.
c) Procesadoras, cortadoras e outros equipamentos de corta, así como as súas adaptacións e implementos, que deberán instalarse en equipamentos propiedade da solicitante.
d) Maquinaria específica, apeiros e implementos que permitan un aproveitamento comercial da biomasa forestal no monte, esteladoras con capacidade de recollida, empacadoras, colleitadoras ou procesadoras de biomasa. Non terán consideración de maquinaria específica nin procesadora de biomasa os tractores con rozadoras ou con trituradoras forestais.
No caso de equipos automotrices que dispoñan dun motor térmico de combustión, tales como procesadoras, cortadoras, autocargadores, tractocargadores, arrastradores, astilladores automotrices, etc. deberán dispor dun sistema automático de detección e extinción de lumes no equipo. O sistema de extinción deberá empregar un elemento de extinción efectivo en lumes de líquidos inflamables, como gasóleo ou aceites hidráulicos, e deberá non ser corrosivo, ser biodegradable, e permitir unha limpeza fácil da máquina tras a súa activación.
Liña 3. Castaña e resina.
a) Maquinaria específica, equipamentos, apeiros e implementos que permitan un aproveitamento comercial da castaña ou da resina no monte.
b) Acondicionamento e instalacións de parques intermedios de almacenamento e/ou clasificación.
c) Bens de equipo e instalacións en empresas de recollida, manexo, clasificación, acondicionamento e comercialización de castaña ou resina.
Liña 4. Valor engadido na primeira transformación da madeira.
a) Equipos portátiles para a clasificación estrutural da madeira por métodos non destrutivos, sempre que dispoñan de documentación/estudos para a análise das especies empregadas pola empresa. A empresa deberá dispor, ou estar en proceso de obter no prazo máximo dun ano, a implantación do marcado CE para madeira estrutural.
b) Maquinaria e instalacións de primeira transformación destinadas á clasificación automática da madeira estrutural mediante aspectos visuais ou indirectos. No caso de métodos indirectos deberá dispoñerse de documentación/estudos para a análise das especies empregadas pola empresa. A empresa deberá dispor, ou estar en proceso de obter no prazo máximo dun ano, a implantación do marcado CE para madeira estrutural.
c) Maquinaria e instalacións de primeira transformación destinadas á clasificación automática por calidade tanto da materia prima (troncos) como de produtos serrados intermedios ou finais, mediante a aplicación de escáneres de imaxe, dimensionais, raios X, e outros tipos. O emprego desta instalación deberá xustificar a obtención dunha clasificación da madeira con un maior valor engadido.
d) Maquinaria e instalacións de primeira transformación destinadas á obtención de produtos de maior valor engadido baseados na madeira serrada, e que permitan abrir novas liñas de negocio á empresa.
e) Acondicionamento, maquinaria e instalacións de primeira transformación para o procesamento da biomasa forestal e a transformación da madeira.
Liña 5. Medición, rastrexabilidade e caracterización da madeira obxecto de aproveitamento.
a) Equipos de medición de inventario forestal de carácter dixital ou analóxico, sensores lidar terrestre e vehículos aéreos non tripulados e os seus accesorios, como cámaras ou lidar, entre outros.
b) Básculas sensorizadas para parques ou cargadoiros intermedios de madeira.
c) Equipos portátiles de ultrasóns (MST, MTG, PLG…etc.), resistógrafos, penetrómetros, lupas binoculares , higrómetros, estufas ou balanzas de laboratorio de precisión.
Serán elixibles os custos ligados ao funcionamento dos aparellos e equipos descritos, tanto os custos de subscrición a software (admitirase só o gasto do período de subscrición durante o período de execución da axudas) como das licenzas de software para o uso da solución obxecto das actuacións realizadas, excluíndo o software de propósito xeral, por exemplo, sistemas operativos, aplicacións de xestión/monitoraxe de redes/sistemas, paquetes de ofimática, correo electrónico, edición e tratamento de imaxes.
4. Poderanse subvencionar investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing) ou calquera outra figura análoga, subvencionándose, neste caso, unicamente o importe correspondente á opción de compra. A opción de compra deberá realizarse no prazo de execución do investimento.
5. De acordo co recollido no artigo 2, só serán subvencionables os investimentos que se realicen dentro do ámbito territorial do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (anexo XIV), por iso no anexo IV deberá recollerse a localización (parroquia e concello) de cada un dos investimentos que se soliciten, tendo en consideración o seguinte:
a) No caso de maquinaria fixa, instalacións e obra civil: localización na que vaian ser executados os investimentos.
b) Maquinaria móbil, equipamentos de medición ou equipos portátiles: localización do domicilio social da empresa ou das instalacións da empresa onde se gardarán os bens.
No caso de que a solicitante tivese a súa sede social fóra do ámbito territorial do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (anexo XIV) mais o investimento obxecto de solicitude fose un equipamento, maquinaria ou apeiro de carácter non fixo, de xeito tal que o uso do dito investimento se vaia producir exclusivamente no ámbito territorial do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, a solicitude entenderase elixible.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias as microempresas, pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) do sector forestal radicadas en Galicia en relación cos investimentos realizados en zonas rurais de acordo cos criterios de localización establecidos no ámbito territorial do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 e descritos no anexo XIV, a excepción daquelas solicitantes que, aínda tendo o seu domicilio en áreas definidas como ZDP, soliciten investimentos non fixos para a realización de traballos no ámbito territorial do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027.
Para estes efectos, tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (DOUE L 327/1, 21.12.2022).
2. Para acadar a condición de beneficiarias, as persoas solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) e cos datos actualizados, de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e de conformidade co Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal.
3. Non poderán acadar a condición de persoas beneficiarias:
a) Aquelas solicitantes nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Aquelas solicitantes que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
As empresas solicitantes deberán declarar na súa solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria. A Axencia Galega da Industria Forestal utilizará os medios que considere procedentes para a súa verificación e requiriralle á solicitante, se for necesario, os documentos oportunos para a verificación do requisito.
c) Aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
d) As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros e cando as persoas solicitantes sexan suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán achegar na súa solicitude a acreditación do nivel de cumprimento mediante os medios de proba establecidos no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Contía
Os investimentos subvencionaranse cunha axuda do 40 % dos gastos elixibles.
A axuda máxima limitarase por solicitante aos 200.000 euros para as liñas 1 e 4 sinaladas no artigo 3, 50.000 euros para a liña 5 e 160.000 euros para as liñas 2 e 3.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.