viernes, 20 de febrero de 2026

AXUDAS PARA A REPARACIÓN, REHABILITACIÓN E/OU A ADAPTACIÓN DOS EDIFICIOS DE VIVENDAS PROTEXIDAS PROMOVIDOS POLO INSTITUTO GALEGO DE VIVENDA E SOLO

 Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2026 pola que se abre a convocatoria, para o ano 2026, das axudas ás comunidades de propietarios/as para a reparación, rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos por este instituto (código de procedemento VI420A).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o exercicio 2026, con financiamento plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, axudas ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas sometidas ao réxime de protección e promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), que teñan máis de dez anos de antigüidade, así como aqueles en que o dito réxime se extinguise nos tres anos anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes previsto na correspondente convocatoria de axudas.
2. O obxecto destas axudas é a realización das seguintes actuacións:
a) Adecuación das condicións de seguridade: obras que lle proporcionen ao edificio condicións de seguridade estrutural ou construtiva, de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e solidez, seguridade contra incendios, así como obras de seguridade fronte a posibles accidentes ou sinistros.
b) Adecuación das condicións de habitabilidade: obras que lle proporcionen ao edificio estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico ou mellora das instalacións de calefacción.
c) Adecuación funcional: obras que lle proporcionen ao edificio mellora dos accesos aos servizos xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc., así como a adecuación destas obras á correspondente normativa.
d) Adecuación das condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras arquitectónicas, tales como instalación de ascensores, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ter a condición de entidades beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as ou agrupacións de comunidades dos edificios de vivendas que estean recollidos no ámbito de aplicación, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria correspondente e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:
a) Que sexan seleccionadas conforme a prelación realizada en aplicación do baremo de criterios de valoración previstos nesta resolución e conforme a disposición orzamentaria existente.
b) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser este o caso, a entidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.
c) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei de subvencións de Galicia (LSG).
2. As persoas integrantes da entidade beneficiaria que participen no custo das obras subvencionables terán a consideración de perceptoras desta axuda na mesma proporción que a cota de participación establecida para o custo das obras.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Se o último día for inhábil, entenderase prorrogado o prazo ao primeiro día hábil seguinte.