jueves, 5 de febrero de 2026

CURSO SUEPERIOR DEPORTE, EMPRESA SAUDABLE E NOVAS TENDENCIAS

 Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 2026 pola que se convoca o curso superior Deporte, empresa saudable e novas tendencias.

Obxectivos
O deporte é un fenómeno transversal que caracteriza a sociedade moderna. O seu desenvolvemento abrangue diferentes e variadas dimensións, que van desde a saúde e o benestar ata aspectos económicos e financeiros.
Unha das facianas onde o deporte, a través das súas diferentes manifestacións, xoga un rol salientable é no eido empresarial, nomeadamente no que atinxe á saúde laboral, á prevención de riscos de traballo ou á calidade corporativa. Por este motivo, en canto á promoción dunha «empresa saudable», o deporte albíscase como unha ferramenta fundamental.
Falar de empresa saudable non é xa un desexo de moitas entidades e organizacións senón que se está a converter nunha realidade cotiá que mellora o benestar físico, mental e social das persoas traballadoras. Ao promover hábitos saudables, previr riscos, reducir o estrés e fomentar un bo clima laboral, conséguese que as persoas traballen máis motivadas, con maior satisfacción e con menos problemas de saúde. Asemade, redúcese o absentismo, mellora a comunicación interna e contribúe a que o ambiente de traballo sexa máis seguro e agradable.
Todo isto tradúcese en beneficios directos como o aumento da produtividade e a atracción e retención de talento que proxecta unha imaxe corporativa máis positiva e responsable. En definitiva, a empresa saudable é unha estratexia que favorece tanto as persoas como a organización.
É por iso que mediante este curso pretende achegar aos seus destinatarios as principais cuestións referentes á empresa saudable, facendo especial fincapé nos aspectos onde o deporte pode servir como instrumento ou ferramenta facilitadora.

Persoas destinatarias
Por orde de preferencia na selección haberá tres grupos de persoas destinatarias:
1. Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional; da Administración local; e das universidades do Sistema universitario de Galicia con responsabilidade ben na xestión de entidades e instalacións deportivas ou ben na realización de actividades orientadas aos servizos de emprego e actividades de empregabilidade.
2. Persoal de empresas e institucións privadas con responsabilidade no deseño, posta en marcha ou aplicación de programas deportivos e de empresa saudable.
3. Calquera persoa interesada nos contidos do curso.
O persoal indicado nos puntos 1 e 2 desta base deberá achegar documentación unha vez formalizada a súa inscrición tal como se indica na base sexta punto 5.

Número de prazas
Sesenta (60).

Desenvolvemento
1. Modalidade de impartición: presencial.
2. Datas de desenvolvemento: os días 4, 11, 18, 25 de marzo; e 8 de abril de 2026.
Horario: de tarde, das 16.30 ás 20.30 horas.
3. Lugar de desenvolvemento: Escola Galega de Administración Pública; rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.
4. Horas lectivas: terá unha carga lectiva de trinta (30) horas, distribuídas en 5 sesións presenciais (4 horas por sesión) máis dez (10) horas non presenciais de traballo autónomo do alumnado.

Inscrición
1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>.
As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e criterios de selección establecidos nas bases cuarta e oitava, respectivamente, desta convocatoria.
3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
4. As persoas interesadas deberán seleccionar, primeiro, a área na que está integrada esta actividade (Coñecementos transversais) e, despois, seleccionar en «nome do curso»: curso superior Deporte, empresa saudable e novas tendencias.
5. Unha vez formalizada a súa matrícula, e antes de que finalice o prazo de inscrición, as persoas solicitantes indicadas na base 4.1 e 4.2 deberán achegar ao correo electrónico novas.egap@xunta.gal a documentación que acredite as responsabilidades indicadas en cada parágrafo (4.1 ou 4.2).
6. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 19 de febreiro de 2026.
Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal ou, das 9.00 ás 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.