lunes, 20 de enero de 2025

PRESTACIÓN PERIÓDICA PARA MULLERES QUE SOFREN VIOLENCIA DE XÉNERO 2025

 Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 3 de xaneiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento SI434A).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento da violencia de xénero. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas axudas para o ano 2025.
2. A finalidade destas axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para intentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, ou da persoa que mantivese sobre elas unha relación de dominación e/ ou de explotación para os casos das mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, e axudalas a romper coa situación de violencia, dominación e/ou explotación, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura da situación en que corren perigo e/ou están sendo explotadas.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as mulleres maiores de idade ou emancipadas, vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor, ou no caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, de dependencia da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación e/ou de explotación.
2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos ou condicións: estar empadroada e ter residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia, e, no caso de mulleres estranxeiras, ter residencia legal en España. Ter cesado a convivencia co agresor ou a vinculación coa/s persoa/s que mantivese/n sobre ela unha relación de dominación e/ou explotación, no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude, e que o documento acreditativo da situación de violencia de xénero fose adoptado ou emitido no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude, este intervalo non será de aplicación no caso de violencia vicaria ou violencia por interposita persona. Carecer de dispoñibilidade de recursos económicos ou ser de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do seu agresor ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación, e/ou dispoñer dunhas rendas ou ingresos mensuais iguais ou inferiores ao dobre do IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e permanecerá aberto ata o 31 de decembro de 2025.
De acordo co disposto no artigo 29 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo de presentación de solicitudes de subvención establecido nas correspondentes convocatorias en ningún caso será inferior a un mes.