Consellería do Medio Rural
Obxecto
Esta orde ten por obxecto desenvolver, en réxime de concorrencia competitiva, as bases polas que se rexerá a concesión de axudas da Consellería do Medio Rural, destinadas ás entidades oficialmente recoñecidas pola Comunidade Autónoma de Galicia para o control de rendemento leiteiro, e proceder á súa convocatoria para o ano 2025.
Persoas beneficiarias e requisitos
1. Poderán ser beneficiarias das axudas descritas nesta orde as entidades oficialmente recoñecidas pola Comunidade Autónoma de Galicia como terceiros para a realización do control leiteiro oficial ao abeiro do Real decreto 663/2023, do 18 de xullo, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser unha entidade de control leiteiro segundo o establecido no artigo 2.d) ou ser unha asociación ou organización das definidas no artigo 2.a) e que realice actividades incluídas na definición de control de rendemento leiteiro do artigo 2.b) desta orde.
b) Cumprir os requisitos exixidos polos artigos 13.2, 13.3 e 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Ter a condición de peme de acordo co establecido no artigo 2.52 e no anexo I do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022.
d) Non ter a consideración de empresa en crise, de acordo co artigo 2.59 do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022.
e) Non estar suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
f) Empregar unha base de datos única e común para toda Galicia, onde se integrará, procesará e analizará toda a información cuantitativa e cualitativa procedente dos controis realizados.
2. As persoas beneficiarias últimas das actuacións financiadas con esta axuda son os/as gandeiros/as que participan no control oficial de rendemento leiteiro, que reciben a axuda baixo a forma de servizos subvencionados prestados por terceiros, e nunca como pagamentos directos en efectivo ás persoas produtoras, de acordo co previsto no artigo 27.2.b) do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
3. Así mesmo, os requisitos previstos nas letras b), c), d) e e) do número 1 tamén deberán ser cumpridos polas explotacións gandeiras en que se realicen as actividades subvencionables.
Solicitudes e prazo de presentación
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.