Instituto Galego de Promoción Económica
Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto fomentar a actividade das startups galegas ou cun centro de traballo en Galicia subvencionando os gastos e investimentos en que incorran desde o 1 de xaneiro de 2025 ata a data da solicitude de axuda.
Persoas beneficiarias
As startups galegas ou cun centro de traballo en Galicia. Consideraranse startups, de acordo coa definición contida no artigo 3 da Lei 28/2022, do 21 de decembro, de fomento do ecosistema das empresas emerxentes, toda persoa xurídica, incluídas as empresas de base tecnolóxica creadas ao abeiro da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, que reúna simultaneamente as seguintes condicións:
a) Ser de nova creación ou, non sendo de nova creación, cando non transcorresen máis de cinco anos desde a data de inscrición no Rexistro Mercantil, ou no Rexistro de Cooperativas competente, da escritura pública de constitución, con carácter xeral, ou de sete no caso de empresas de biotecnoloxía, enerxía, industriais e outros sectores estratéxicos ou que desenvolvesen tecnoloxía propia, deseñada integramente en España, que se determinarán a través da orde a que fai referencia o artigo 4.1.
b) Non xurdir dunha operación de fusión, escisión ou transformación de empresas que non teñan consideración de empresas emerxentes. Os termos concentración ou segregación considéranse incluídos nas anteriores operacións.
c) Non distribuír nin ter distribuído dividendos, ou retornos no caso de cooperativas.
d) Non cotizar nun mercado regulado.
e) Ter a súa sede social, domicilio social ou establecemento permanente en España.
f) Ter ao 60 % do persoal cun contrato laboral en España. Nas cooperativas computaranse dentro do persoal, para os únicos efectos da citada porcentaxe, os socios traballadores e os socios de traballo, cuxa relación sexa de natureza societaria.
g) Desenvolver un proxecto de emprendemento innovador que conte cun modelo de negocio escalable, segundo o previsto no artigo 4.
Cando a empresa pertenza a un grupo de empresas definido no artigo 42 do Código de comercio, o grupo ou cada unha das empresas que o compoñen deberá cumprir cos requisitos anteriores.
Para acceder a estas axudas, as startups deberán cumprir, ademais, polo menos, unha das seguintes condicións no momento de solicitar a axuda:
– Dispor da certificación de Enisa prevista na Lei 28/2022.
– Acreditar a cualificación de iniciativa de emprego de base tecnolóxica da Xunta de Galicia (EIBT).
– Ter participado nalgún proceso de aceleración en iniciativas con participación pública da Xunta de Galicia no seu desenvolvemento (Viagalicia, BFAuto, BFAero, BFFood, BFClimatech, Turislab, Galicia Avanza).
– Acreditar mediante certificado para o efecto emitido polo centro de orixe o carácter de spin-off das universidades, dos centros de FP ou de centros tecnolóxicos.
– Estar inscritas no Rexistro de Pemes Innovadoras do Ministerio de Ciencia e Innovación.
– Dispor da certificación EA 0047:2015 ou EA 0043:2015 da peme innovadora ou xove empresa innovadora, respectivamente.
– Dispor da marca EIBT de empresa innovadora de base tecnolóxica outorgada pola Asociación Nacional de Centros Europeos de Empresas e Innovación (ANCES).
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computar 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará o 30 de setembro de 2025 ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.