martes, 14 de enero de 2025

AXUDAS Á TRANSFORMACIÓN DIXITAL DAS PEMES PARA 2025

 Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 9 de decembro de 2024 pola que se da publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á transformación dixital das pemes para o ano 2025, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se convocan en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300C).

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto apoiar a posta en marcha de proxectos de dixitalización cuxa finalidade sexa a implantación de solucións que proporcionen soporte dixital aos procesos dunha empresa, así como proxectos de interconexión dixital entre unha empresa galega e outras, ou entre dúas ou máis empresas galegas. Estes proxectos poden incluír, entre outros, ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación ou procesos de coordinación entre un líder industrial e as pemes que integran a súa cadea de valor.

Persoas beneficiarias
As pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que sexa a súa forma xurídica, incluídos os empresarios autónomos, que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto.
Poderán ter a condición de persoas beneficiarias as pequenas e medianas empresas de calquera sector da actividade económica incluído no ámbito de aplicación do devandito Regulamento (UE) 651/2014, tendo en conta as excepcións indicadas no punto 4.a) das bases.
As pemes poderán solicitar axudas das tipoloxías de proxectos individuais descritas no artigo 1.a) das bases.
Para poder solicitar as axudas das tipoloxías de proxectos colectivos descritas no artigo 1.b) das bases, as persoas interesadas deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007. A dita agrupación terá que estar constituída polo menos por dúas pemes con centro de traballo en Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes de axuda comezará a computar 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e será dun mes contado desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o citado prazo dun mes.