Instituto Galego de Promoción Económica
Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto apoiar proxectos compostos por plans de actuación que dean mellor sustento á competitividade sostible, á innovación e á cooperación empresarial en distintos ámbitos da actividade en Galicia, mediante a concesión de axudas ás entidades xurídicas xestoras de agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras galegas para a realización de actividades neses eidos.
Persoas beneficiarias
As agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras, que se conciben como combinación no espazo xeográfico galego de empresas e centros tecnolóxicos, de investigación ou formación, públicos ou privados involucrados nun proceso colaborativo destinado a obter beneficios derivados da cooperación e cuxa actividade se organiza arredor dunha cadea de valor ou sector tecnolóxico, ou a un mercado ou segmento de obxectivo, que cumpra algunha das seguintes condicións:
a) Entidades que teñan o seu domicilio social en Galicia e teñan en vigor na data da solicitude o recoñecemento como AEI (agrupación empresarial innovadora) dentro do Programa de excelencia do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, ou ben que posúan a etiqueta Gold de excelencia na xestión de clústeres expedida pola ESCA (European Secretariat for Cluster Analysis).
b) Entidades clúster que fosen beneficiarias na última convocatoria de 2022 das axudas do Igape ás agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia (procedemento IG410A) ou beneficiarias na última convocatoria de 2022 das axudas do Igape ás agrupacións empresariais innovadoras emerxentes (clústeres emerxentes) na Comunidade Autónoma de Galicia (procedemento IG410A).
c) Entidades que sen cumprir ningunha das anteriores condicións reúnan os seguintes requisitos:
i. Que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro que xestione a agrupación clúster.
ii. Que representen un ámbito de actividade ou unha cadea de valor cuxa facturación conxunta en Galicia supere o valor do 1 % do PIB da Comunidade Autónoma no ano 2023, que se calculará a partir da suma agregada da facturación dos CNAE que definan o ámbito de actividade ou cadea de valor en Galicia.
iii. Que colaboren e desenvolvan proxectos en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
iv. Que cando menos o 60 % dos seus asociados directos sexan empresas e, destas, que o 50 % ou máis dispoña dun centro de traballo en Galicia.
v. Que teñan como socias directas un número de empresas que cumpra cando menos con dous dos tres seguintes requisitos, que serán acreditados con información de fontes amplamente recoñecidas de información financeira e empresarial:
1º. 30 % da facturación do ámbito de actividade englobado.
2º. 10 % das empresas do ámbito de actividade.
3º. 20 % do emprego do ámbito de actividade.
vi. Capacidade tecnolóxica e de innovación. O clúster deberá contar con centros tecnolóxicos asociados ou postos á súa disposición mediante colaboración con outras entidades. Neste último caso, só se considerarán válidos para estes efectos os acordos de colaboración con contidos específicos respecto da innovación e a tecnoloxía, e rexeitaranse os acordos con contidos de carácter xeral, de xestión ou administrativos, aínda que estean asinados con centros ou institucións tecnolóxicas.
vii. Proxección internacional. O ámbito de actividade do clúster deberá ter vocación e proxección cara a mercados internacionais pola súa propia natureza, e non representar exclusivamente un negocio de proximidade ou local.
viii. Capacidade de execución de proxectos implicando aos seus asociados. O clúster deberá acreditar esta capacidade mediante memoria de actividades realizadas nos últimos 2 anos, enumerando e describindo brevemente os proxectos desenvolvidos xunto cos seus asociados ou promovendo a súa participación, tivesen ou non financiamento público. Considerarase que ten esta capacidade se acredita a execución de polo menos dous proxectos por ano.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computarse 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e será dun mes contado desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o citado prazo dun mes.