Instituto Galego de Promoción Económica
Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas destinadas a facilitar a execución dun conxunto de servizos profesionais por parte de entidades colaboradoras previamente seleccionadas mediante Resolución do 12 de decembro de 2023 (DOG nº 241, do 21 de decembro de 2023).
As axudas en especie estarán destinadas á execución de servizos en empresas galegas, detallados no anexo III da devandita Resolución do 12 de decembro de 2023, e agrupados nas seguintes tipoloxías:
Profesionalización e desenvolvemento estratéxico:
– Servizos de análise do potencial competitivo e primeiras accións de mellora.
– Servizos de desenvolvemento estratéxico integral da empresa.
– Servizos de análise do cumprimento normativo e os riscos legais (Compliance).
– Servizos de Captación, Fidelización e Xestión de Talento.
– Servizos para o desenvolvemento dunha estratexia de integración ESG.
– Servizos de mellora da xestión financeira e procura de financiamento.
– Servizos de circularización e optimización dos procesos de produción e cadea loxística.
– Servizos de asesoramento para o relanzamento comercial.
– Servizos de preparación de procesos certificables.
– Servizo de apoio para empresas emerxentes innovadoras.
Innovación:
– Servizos de deseño e lanzamento de produtos e servizos innovadores.
– Servizos de protección da innovación.
– Servizos de asesoramento para o financiamento da innovación.
Persoas beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias as pequenas e medianas empresas (pemes), incluíndo os autónomos, comunidades de bens, asociacións, fundacións ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, leven a cabo actividade empresarial e poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención.
En calquera caso, deberán ter radicado algún centro de traballo en Galicia, e cumprir a definición de peme. Para esta definición utilizarase a establecida pola Comisión Europea no Anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).
Para solicitar as axudas para a prestación dos servizos, tendo en conta as súas características, as pemes deben cumprir as seguintes condicións:
a) Para todos os servizos definidos no artigo 1, agás o «servizo de apoio para empresas emerxentes innovadoras» polas características deste tipo de empresas, as solicitantes deberán contar cun cadro medio de traballadores, no ano anterior á solicitude da axuda, non inferior a 3, de acordo co informe do «cadro medio de traballadores en situación de alta» emitido pola Seguridade Social. Adicionalmente ao número indicado no devandito informe, poderán contabilizarse, se é o caso, o propietario, administrador ou familiares que traballen na empresa e legalmente incluídos no réxime de autónomos.
b) Para o «Servizo de desenvolvemento estratéxico integral da empresa», as pemes deben ter realizado previamente unha análise da empresa que achegue a información necesaria para o arranque do servizo.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computarse 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará o 15 de novembro de 2025 ás 14.00 horas, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.