Consellería do Medio Rural
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia competitiva, as bases reguladoras das axudas destinadas á mellora das condicións xerais de produción e comercialización dos produtos apícolas, no marco da intervención sectorial apícola recollida no Plan estratéxico nacional da política agrícola común (PAC) do Reino de España 2023-2027 e proceder á súa convocatoria para o ano 2025 (códigos de procedemento MR506A e MR506B).
2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia.
Beneficiarios e requisitos
1. Poderán optar ás axudas previstas no artigo 3 da orde:
a) As persoas físicas ou xurídicas, ou entes sen personalidade xurídica, titulares de explotacións apícolas, incluídas aquelas que sexan integrantes de explotacións de titularidade compartida recollidas na Lei 35/2011, do 4 de outubro, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias, con exclusión das administracións ou entidades do sector público.
Será requisito para a obtención das axudas:
1. Levar realizando a actividade apícola con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano de presentación da solicitude de axuda, fóra de quen iniciase a actividade a través dun cambio de titularidade de explotacións en estado de alta con anterioridade a esa data. Ademais, quedará exenta do requisito anterior a creación de figuras asociativas ou persoas xurídicas integradas por apicultores/as que o fosen antes do 1 de xaneiro do ano da presentación da solicitude, ou a creación de explotacións de titularidade compartida na que un dos membros fose apicultor ou apicultora con anterioridade a esa data.
No caso de fusións de explotacións xa existentes, considerarase a data de inicio da actividade a do/da titular con maior antigüidade.
2. Seren titulares dunha explotación con máis de 15 colmeas para o caso das persoas apicultoras que soliciten a axuda a título individual, e con máis de 50, se solicitan axuda para realizar a transhumancia, sexan ou non persoas traballadoras autónomas.
3. Realizaren polo menos un tratamento ao ano fronte á varroose, de acordo co establecido no Real decreto 608/2006, do 19 de maio, polo que se establece e regula un programa nacional de loita e control das enfermidades das abellas do mel.
4. Disporen dun seguro de responsabilidade civil das colmeas.
5. Cumpriren as previsións contidas no Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas.
6. Teren realizada a declaración censual anual obrigatoria referida o 31 de decembro de 2024 antes do día 1 de marzo de 2025.
As alvarizas abandonadas e as colmeas mortas non darán dereito ao cobramento de axudas.
b) As agrupacións de apicultores/as, na medida que os seus socios/as ou asociados/as beneficiarios das axudas cumpran cos requisitos establecidos na letra a) anterior.
Ademais, para seren beneficiarias, a solicitude de axuda deberá incluír, como mínimo, 1.500 colmeas.
2. Só poderá solicitarse axuda para a execución dunha acción determinada sobre unha mesma colmea, unha única vez por campaña apícola, independentemente de se a persoa solicita esa axuda a título individual ou como integrante dunha cooperativa ou agrupación de produtores.
Non obstante, as persoas apicultoras incluídas na solicitude de axuda presentada por unha agrupación de apicultores/as, ben sexa para unha ou varias accións, non poderán solicitar a axuda como integrantes doutra agrupación.
De ser o caso, soamente se terá en conta esa persoa apicultora na solicitude da agrupación de apicultores/as que a inclúa como beneficiaria naquela acción que ocupe o primeiro lugar atendendo á orde de prelación que se establece no artigo 10.1 desta orde de axudas.
3. Non poderá ser considerada persoa beneficiaria un/unha solicitante para quen se demostre que creou artificialmente as condicións exixidas para cumprir os criterios de admisibilidade ou de prioridade establecidos no Real decreto 906/2022, tal e como se establece no artigo 62 (relativo a medidas antievasión) do Regulamento (UE) 2021/2116, do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.