Consellería de Política Social e Igualdade
Obxecto
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas en réxime de concorrencia non competitiva ás persoas titulares de casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de decembro de 2024, e proceder á súa convocatoria coa finalidade de dar continuidade a este recurso e seguir atendendo as necesidades de conciliación da vida persoal, familiar e laboral das familias nos concellos rurais de Galicia nos que están establecidas co financiamento dos gastos nos anos 2025, 2026, 2027 e ata o 31 de agosto do ano 2028 (código de procedemento BS403G).
Persoas beneficiarias
1. Poderán optar ás axudas, a través dunha prima e ás axudas de investimento, financiadas con cargo ás aplicacións orzamentarias 08.02.312B.470.0 e 08.02.312B.770.0 respectivamente, as persoas físicas e cooperativas de traballo asociado titulares das casas niño recollidas no artigo 1 que estean en funcionamento e manteñan a súa situación de alta fiscal e na Seguridade Social como persoas traballadoras por conta propia da seguinte maneira:
a) Para a subvención da anualidade 2025 poderán ser beneficiarias as persoas titulares de casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de decembro de 2021.
b) Para a subvención da anualidade 2026 poderán ser beneficiarias as persoas titulares de casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de decembro de 2022.
c) Para a subvención da anualidade 2027 poderán ser beneficiarias as persoas titulares de casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de decembro de 2023.
d) Para a subvención correspondente ata o 31 de agosto da anualidade 2028 poderán ser beneficiarias as persoas titulares de casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de decembro de 2024.
2. As persoas solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiarias.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.