martes, 21 de enero de 2025

AXUDAS Á PROTECCIÓN DOS ANIMAIS DOMÉSTICOS DE COMPAÑIA ABANDONADOS EN GALICIA 2025

 Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ORDE do 20 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia e se convocan axudas para o ano 2025, destinadas ás asociacións inscritas no Rexistro Galego de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais de Compañía (código de procedemento MT811B).

Obxecto
Establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia relativas á atención e coidado dos animais domésticos de compañía que estean nos centros de recollida autorizados e/ou formen parte de colonias felinas reguladas no artigo 26 da Lei 4/2017, do 3 de outubro, á realización de campañas de concienciación para a tenza responsable e para a adopción de animais abandonados e á adquisición de material para a xestión e manexo dos animais aloxados nos centros de recollida autorizados, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2025, destinadas ás asociacións inscritas no Rexistro Galego de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais de Compañía (código de procedemento MT811B).

Beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións sen ánimo de lucro legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Galego de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais de Compañía con anterioridade á data de publicación desta orde.
Para poder seren beneficiarias das axudas para os gastos subvencionables recollidos nas letras a) e c) do artigo 2.1 deberán ser titulares ou xestoras dun centro de recollida autorizado e inscrito no Rexistro de Galego de Núcleos Zoolóxicos de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 12 de setembro de 2025.

Outros datos
As axudas a que se refire esta orde comprenden os gastos subvencionables recollidos no artigo 2 que fosen efectivamente realizados no período comprendido entre o 1 de setembro de 2024 e o 31 de agosto de 2025.