Consellería do Medio Rural
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas relativas aos compromisos forestais de xestión de servizos ecosistémicos, en réxime de concorrencia non competitiva, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR670E).
A finalidade desta orde é conceder no ano 2025 unha axuda consiste nun pagamento anual, durante un quinquenio (anos 2025, 2026, 2027, 2028 e 2029), dunha prima sobre a base dos custos adicionais incorridos e do lucro cesante resultante dos compromisos forestais de xestión de servizos ecosistémicos.
2. Esta orde encádrase na Intervención 6502.1–Compromisos forestais de xestión-Subintervención 65021_05_06–Certificación de servizos ecosistémicos, contidas no Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (PEPAC) e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
Entidades beneficiarias
1. Serán entidades beneficiarias as entidades locais, as comunidades de montes veciñais en man común, as agrupacións forestais de xestión conxunta inscritas no correspondente rexistro e os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo.
2. As entidades beneficiarias deben cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha clase de inhabilitación de axudas previstas no seu artigo 10. Ademais, non deben estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
3. As comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) para poder acceder a estas axudas deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal, como moi tarde, o día en que remate o prazo de presentación da solicitude da axuda.
4. As agrupacións forestais de xestión conxunta deberán estar inscritas, con data límite do día en que remate o prazo de presentación da solicitude de axuda, no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta, regulado na Orde do 26 de abril de 2022 pola que se desenvolve a tramitación electrónica das solicitudes para o recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta e como persoa silvicultora activa.
5. Os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo deben cumprir co estipulado no artigo 126 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 16/2024, de 18 de xaneiro, polo que se regula o réxime xurídico e o rexistro de monte de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo.
6. Non poderán ser persoas beneficiarias as empresas en crise ou as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.