Instituto Galego de Promoción Económica
Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva. Os obradoiros obxecto desta convocatoria concíbense como espazos de encontro intersectoriais entre empresas e provedores (para a definición de empresa observarase o establecido no artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014) que teñen como finalidade fomentar a cooperación, a exploración de solucións tecnolóxicas e o deseño de vías de colaboración que impulsen proxectos de alto impacto nos seguintes eidos: dixitalización, innovación, sostibilidade, economía circular e loxística avanzada.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderanse como tal para os efectos destas axudas:
a) Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa, clústeres empresariais ou hubs de innovación dixital ao abeiro da Estratexia galega de HID.
b) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE nº 20, do 23 de xaneiro de 2009).
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes de axuda comezará a computarse 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e será dun mes, contado desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o citado prazo dun mes.