Instituto de Estudos do Territorio
Obxecto
Subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións de corrección de impactos paisaxísticos, de conformidade cos valores paisaxísticos recollidos no Catálogo das paisaxes de Galicia; concretamente, as relacionadas no ordinal segundo da resolución. Os gastos subvencionables son os indicados no seu ordinal cuarto.
Persoas beneficiarias
Poderán optar á axuda:
As persoas físicas titulares dun inmoble ou ben sobre o cal pretendan realizar algunha/s das actuacións subvencionables.
A persoa solicitante deberá ser propietaria do terreo, inmoble ou ben en que se pretenden realizar as actuacións e deberá acreditar a súa plena dispoñibilidade, como mínimo, durante o período en que se manteñen as obrigas que asume o beneficiario.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes e iniciarase en sete (7) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día en que se inicie a presentación de solicitudes. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Outros datos
Sen prexuízo dos demais requisitos establecidos na resolución, só caberá presentar unha solicitude por persoa solicitante e ben. Cada solicitude poderá conter varias actuacións.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, que irá acompañado dos documentos que se especifican no ordinal oitavo da resolución.
Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes, validamente presentadas, na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considérase data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo e consten nel a solicitude, correctamente cuberta, e toda a documentación complementaria exixida na presente resolución. Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria. Nese caso, e sempre antes da data máxima sinalada neste punto, poderán seguirse rexistrando solicitudes en lista de reserva provisional, as cales serán atendidas por rigorosa orde de entrada, supeditadas a que se produzan desestimacións ou revogacións das solicitudes de axuda previas. O esgotamento do crédito comportará a inadmisión de todas aquelas solicitudes que se instrúan con posterioridade; do mesmo xeito, non se admitirán todos aqueles expedientes que non teñan entrada na sede electrónica de Galicia a través do código de procedemento MT402A.
A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos sinalada no punto vixésimo da resolución será o 30 de setembro de 2025.
Una vez recibida a documentación xustificativa, os órganos competentes do Instituto de Estudos do Territorio, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.