viernes, 17 de enero de 2025

AXUDAS DE COMPENSACIÓN COMPLEMENTARIAS E AXUDAS PARA A REPOSICIÓN DOS ANIMAIS EN EXPLOTACIÓNS DE GANDO BOVINO, OVINO E CABRÚN COMO CONSECUENCIA DO SACRIFICIO OBRIGATORIO

 Consellería do Medio Rural

ORDE do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de compensacións complementarias e axudas para a reposición dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades, e se convocan para o ano 2025 (códigos de procedemento MR553A, MR553B e MR550A).

Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2025:
1. As axudas de compensacións complementarias por lucro cesante nos casos de inactividade nas explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, rexistradas en Galicia, con motivo da vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades destas especies, levados a cabo no marco de programas ou actuacións sanitarias oficiais.
Esta orde regulará, dentro destas axudas do número 1, dous procedementos que se atopan na sede electrónica da Xunta de Galicia e que se corresponden cos dous períodos de tempo nas axudas:
a) Axudas de compensacións complementarias en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún: período de baleiro. Código de procedemento MR553A.
b) Axudas de compensacións complementarias en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún: período de postautorización á reintrodución. Código de procedemento MR553B.
2. As axudas para a compra de animais das especies bovina, ovina e cabrúa que teña por obxecto a reposición de efectivos, naquelas explotacións rexistradas en Galicia en que se ordenou o sacrificio/matanza de animais destas especies, despois do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación; tamén se incluirán os casos de animais desas especies que morresen durante o seu manexo mentres se desenvolvían as actuacións sanitarias oficiais; tamén os animais mortos por mor de padecer a enfermidade da lingua azul, e os casos de morte ou sacrificio/matanza deses animais como consecuencia da aplicación dun programa oficial obrigatorio de vacinación.
En relación co número 2, a orde regulará o procedemento de axudas á reposición de animais: xeral, que se atopa recollido na sede electrónica da Xunta de Galicia co código de procedemento MR550A.
3. O procedemento de concesión das axudas recollidas nesta orde, de xeito excepcional, desenvolverase por concorrencia non competitiva, é dicir, non requirirá a comparación nin a prelación das solicitudes presentadas, senón que se tramitarán todas as solicitudes a medida que as persoas interesadas as presenten, ata esgotar o crédito orzamentario, e en cumprimento do artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas de compensacións complementarias por lucro cesante, as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica, que sexan titulares de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas en que se sacrificase ou destruíse de forma preventiva a totalidade do seu censo, por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación.
2. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas para a compra de animais de reposición, as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas en que se ordenase o sacrificio obrigatorio/matanza de animais existentes nelas, e como consecuencia do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación; tamén as persoas ou entidades titulares das seguintes explotacións: onde morresen os animais das ditas especies durante o seu manexo mentres se desenvolvían as actuacións sanitarias oficiais, tamén onde morresen os ditos animais por mor de padecer a enfermidade da lingua azul e, así mesmo, onde se sacrificasen/eutanasiasen ou morresen os ditos animais por mor da aplicación dun programa oficial obrigatorio de vacinación.
3. As persoas ou entidades solicitantes das axudas establecidas nesta orde, para seren beneficiarias delas, deberán ter a condición de pemes, de acordo co disposto no anexo I do Regulamento (UE) 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
4. No cumprimento do artigo 1.5.h).ii) do Regulamento (UE) 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, as pemes beneficiarias do presente réxime de axudas non terán a consideración de empresa en crise, segundo a definición desta establecida no artigo 2.59) deste regulamento, agás que a empresa se convertese nunha empresa en crise por mor dos danos ou perdas causadas polas enfermidades animais recollidas na lista de enfermidades animais, infeccións e infestacións do Código sanitario para os animais terrestres da Organización Mundial de Sanidade Animal (OMSA), ou no artigo 5.1 do Regulamento (UE) 2016/429 do Parlamento Europeo e do Consello, do 9 de marzo, ou no Regulamento (CE) núm. 999/2001 do Parlamento Europeo e do Consello, do 22 de maio.
5. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades:
a) Que se atopen en calquera das circunstancias sinaladas no artigo 10, puntos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13, puntos 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Así mesmo, será de obrigado cumprimento a apreciación recollida no artigo 14 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente, despois dunha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda concedida polo mesmo Estado membro ilegal e incompatible co mercado interior, e no cumprimento do artigo 1.4.a) do Regulamento (UE) 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria, será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 28 de novembro de 2025.