jueves, 25 de marzo de 2021

XORNADAS XIV E XV DE FORMACIÓN PRÁCTICA DIXITAL (E-MARTES)

 ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2021 pola que se convocan, no marco da iniciativa Universo EGAP Innova, as xornadas XIV e XV de formación práctica dixital (E-martes).

Obxectivos.
O Universo EGAP Innova é un proxecto multidisciplinar e transversal da Escola Galega de Administración Pública que se desenvolve co obxectivo principal de contribuír, a través de novas prácticas formativas que implican a participación do alumnado, a autoxestión da aprendizaxe e a identificación de novas oportunidades, á innovación e ao cambio nas administracións públicas.
Ao abeiro desta iniciativa, os E-martes teñen como finalidade proporcionar formación práctica presencial ao persoal empregado público da Administración autonómica galega e á cidadanía nas transformacións tecnolóxicas, organizativas e lexislativas derivadas da Administración electrónica.

Contidos.
As XIV e XV xornadas de formación práctica dixital (E-martes), que terán lugar os vindeiros martes, 6 e 20 de abril, estarán dedicadas á contratación pública de Galicia e abordarán os seguintes temas:
• A plataforma de contratos públicos de Galicia (CPG).
• Como facer unha presentación electrónica das ofertas a través do Sistema de licitación electrónica da Xunta de Galicia (Silex).
• Xestor de expedientes de contratación (Plation).
• Como darse de alta no Rexistro Xeral de Contratistas (RXC) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
• Como presentar unha factura electrónica a través do Sistema electrónico de facturación (SEF) da Xunta de Galicia.
A formación será impartida nunha primeira parte teórica e común aos dous grupos de persoas destinatarias e nunha posterior parte práctica adaptada a cada grupo nas aulas de informática da escola.

Persoas destinatarias.
As persoas destinatarias destas actividades son:
– O persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega e dos seus entes instrumentais. Neste grupo de persoas destinatarias priorizarase a inscrición daquelas persoas solicitantes que poidan xustificar debidamente que as súas funcións están directamente relacionadas coa materia impartida.
– A cidadanía: profesionais e persoas interesadas no manexo das aplicacións descritas na súa relación coa Administración.

Desenvolvemento.
Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.
Datas: os martes 6 e 20 de abril de 2021.
Horario: mañá e tarde.
Duración: 6 horas lectivas cada xornada.

Número de prazas.
• Persoal empregado público: 13.
• Cidadanía: 10.
O número de prazas convocadas vén determinado pola capacidade das aulas e é adaptado ás medidas de seguridade e hixiene previstas na normativa vixente para a prevención da COVID-19.

Inscrición.
1. A inscrición nestas actividades formativas só poderá realizarse por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
2. Antes de formalizar a súa inscrición nestas actividades, todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos no punto 3 desta convocatoria. En concreto, deberán indicar correctamente o colectivo de persoas destinatarias ao cal pertencen («Administración autonómica», para o persoal empregado público da Administración autonómica galega e dos seus entes instrumentais, ou «cidadanía», no caso de non ser persoal empregado público).
3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que están integradas estas actividades (Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa) e despois seleccionar en «Nome do curso» a xornada en que desexen matricularse:
• XIV Xornada E-martes de formación práctica dixital: 6 de abril.
• XV Xornada E-martes de formación práctica dixital: 20 de abril.
As persoas que resulten seleccionadas para a primeira xornada (6 de abril), no caso de ter solicitadas as dúas xornadas, serán excluídas da listaxe de persoas seleccionables da xornada correspondente ao 20 de abril, salvo renuncia recibida coa antelación prevista no punto 10 desta resolución.

Os prazos para a inscrición nestas actividades serán os seguintes:
• Para a XIV Xornada E-martes, que se desenvolverá o día 6 de abril: desde as 8.00 horas do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 29 de marzo de 2021.
• Para a XV Xornada E-martes, que se desenvolverá o día 20 de abril: desde as 8.00 horas do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 12 de abril de 2021.
Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.