CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE
Convocatoria.
Convócanse para o ano 2021 as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada, tanto na súa modalidade de mercadorías como na de persoas viaxeiras, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co calendario e demais condicións previstas nesta resolución (procedementos IF312A e IF312B).
Calendario.
a) No ano 2021 prevese a realización de dúas convocatorias; non obstante, poderase modificar tanto o número de convocatorias, reducíndoas a unha, como o calendario, en función da evolución da situación actual sanitaria derivada da COVID-19. As dúas convocatorias terán lugar preferentemente en sábado, domingo ou festivo, nos períodos abranguidos entre:
– Primeira convocatoria: entre o 17 de abril de 2021 e o 27 de xuño de 2021.
– Segunda convocatoria: entre o 2 de outubro de 2021 e o 19 de decembro de 2021.
b) As persoas aspirantes que cumpran os requisitos para presentárense ás probas poderán presentarse á modalidade de xestor de transporte para empresas de transporte de mercadorías por estrada e á de xestor de transporte para empresas de transporte de persoas viaxeiras por estrada, ou só a unha delas.
Requisitos das persoas aspirantes.
Para poderen participar nas probas de xestor de transporte será preciso reunir os seguintes requisitos no momento de fin do prazo de presentación de solicitudes:
a) Ter residencia habitual en Galicia.
Para tal efecto, presumirase que a residencia habitual da persoa aspirante está no lugar en que figure o seu domicilio no documento nacional de identidade en vigor; só se admitirá que o domicilio sexa distinto ao que apareza no referido documento cando se dea algunha das seguintes circunstancias:
– Que a persoa aspirante acredite que tivo o seu domicilio en Galicia, cando menos, durante cento oitenta e cinco (185) días naturais do último ano, contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes para concorrer aos exercicios.
– Que a persoa aspirante acredite que, sen cumprir o requisito do punto anterior, se viu obrigada por razóns familiares ou profesionais a cambiar a súa residencia en Galicia; non obstante, non se entenderá cumprida esta exixencia nin cando se trate de estadías temporais nunha localidade para a realización dunha actividade de duración determinada nin cando se trate de supostos de asistencia a unha universidade, escola ou centro docente.
b) Xustificar estar previamente en posesión dalgún dos seguintes títulos de formación:
– Título de Bacharel ou equivalente.
– Título de Técnico, acreditativo de ter superado as ensinanzas dunha formación profesional de grao medio, sexa cal for a profesión a que se atope referido.
– Título de Técnico Superior, acreditativo de ter superado as ensinanzas dunha formación profesional de grao superior, sexa cal for a profesión a que se atope referido.
– Calquera título acreditativo de ter superado unhas ensinanzas universitarias de grao ou posgrao.
Inscrición.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. As persoas interesadas teñen capacidade e medios suficientes para realizar a presentación electrónica.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Prazos de presentación de solicitudes.
Para a primeira convocatoria: o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Para a segunda convocatoria: desde o 1 ao 23 de agosto de 2021, incluídos ambos os días.
A falta de presentación da solicitude e a falta de pagamento da taxa que proceda en tempo e forma suporá a exclusión da persoa aspirante; igualmente, a consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación presentada polas persoas aspirantes dará lugar á súa exclusión, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.