INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO
Obxecto e finalidade
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar a concesión directa das subvencións complementarias á do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero.
2. Estas axudas son complementarias ás subvencións concedidas ás persoas beneficiarias do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero e teñen a finalidade de subvencionar, conxuntamente con estas, o importe mensual da renda do alugueiro da vivenda; satisfacen, deste xeito, unha solución habitacional a este colectivo especialmente vulnerable.
Persoas beneficiarias e requisitos
1. Serán beneficiarias destas axudas complementarias todas as persoas que na data de publicación desta resolución no DOG teñan unha resolución de concesión inicial ou, de ser o caso, de prórroga do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, así como aquelas outras que resulten beneficiarias do citado programa en virtude da convocatoria correspondente á anualidade 2021.
2. Para ser persoa beneficiaria destas axudas será requisito necesario que no expediente de concesión conste o correspondente contrato de alugamento da vivenda.
3. Non poderán ser beneficiarias desta axuda as persoas a quen lles fose declarada a perda do dereito ou revogación da subvención concedida no marco do anterior programa ou nas que concorra algunha das situacións establecidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Tampouco poderán ser beneficiarias destas subvencións complementarias aquelas persoas beneficiarias do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, cando a renda do seu contrato de alugamento sexa satisfeita integramente coa axuda do citado programa.
Contía da axuda e duración
1. A contía da axuda será polo importe non subvencionado da renda mensual do contrato de alugamento da persoa beneficiaria no marco do programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero. Porén, no caso de que tivesen recoñecida esta axuda no ano 2020, o importe mensual da axuda complementaria para o ano 2021 será a mesma que viñesen percibindo no ano 2020.
2. En ningún caso o importe desta axuda complementaria, conxuntamente coa axuda do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, poderá superar o límite máximo da renda do contrato de alugamento que figure no respectivo expediente, nin a axuda complementaria poderá exceder o importe máximo de axuda mensual previsto no artigo 5 da Orde do 11 de abril de 2019.
3. A axuda terá unha duración máxima de doce meses, desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2021.
Non obstante o anterior, para o suposto de que se adquira a condición de persoa beneficiaria do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero con posterioridade á data de publicación desta resolución, esta axuda concederase desde o mes da data da resolución de concesión da axuda ata o 31 de decembro de 2021, sempre que no expediente conste o contrato de alugamento achegado pola persoa beneficiaria. No suposto de que o contrato de alugamento se achegue con posterioridade á data da resolución de concesión, a axuda recoñecerase desde o mes da data de presentación do contrato, salvo que este tivese efectos económicos posteriores, caso en que se concederá desde ese mes ata o 31 de decembro de 2021.