viernes, 26 de marzo de 2021

AXUDAS DE EMERXENCIA SOCIAL

 VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E TURISMO

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de emerxencia social (código de procedemento PR935A).

Obxecto
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de axudas dirixidas a persoas emigrantes de nacionalidade española e de orixe galega residentes no exterior que carezan dos recursos económicos necesarios para atender situacións sobrevidas de carácter extraordinario de emerxencia social, sanitaria ou asistencial, que precisen dunha actuación urxente para evitar ou paliar situacións de necesidade, exclusión social, por enfermidade ou pasamento pola COVID-19, así como as que teñan por obxecto sufragar os custos das viaxes que teñan que realizar, por razóns destas características, as persoas que poidan ter a condición de beneficiarias, ao cumpriren os requisitos establecidos nos artigos 3 e 4 e cuxa atención corresponda ao ámbito de competencias propias deste centro directivo.

Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas emigrantes galegas e os/as seus/súas fillos/as que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior, de acordo co establecido no parágrafo seguinte.
Para os efectos das presentes bases reguladoras, terán a condición de persoas galegas residentes no exterior aquelas persoas emigrantes que nacesen en Galicia ou ben acrediten que residiron en Galicia de forma continuada durante dez anos, con nacionalidade española, así como tamén os/as seus/súas fillos/as que teñan nacionalidade española e que se encontren vinculados con calquera concello galego no padrón de españois residentes no exterior (PERE).
Excepcionalmente, para o caso de que estas persoas teñan que realizar unha viaxe e non poidan valerse por si mesmas, tamén poderá ser beneficiaria unha persoa acompañante.

Requisitos das persoas beneficiarias
a) Teren rendas ou ingresos insuficientes.
A insuficiencia de rendas ou ingresos deberá ser acreditada pola persoa solicitante da axuda. No caso de solicitar axudas de viaxe, tamén deberán acreditar as rendas ou ingresos insuficientes a persoa acompañante, se é o caso, e os demais membros da familia que van acoller en Galicia a persoa que se despraza.

Considerarase que existen rendas ou ingresos insuficientes cando aqueles de que dispoña a persoa interesada, ou se prevexa que vai dispor en cómputo anual, sexan iguais ou inferiores a 1,7 veces a prestación económica por ancianidade vixente, establecida polo Estado español para o país de residencia da persoa solicitante, nas contías determinadas para o ano da correspondente convocatoria e aplicándolles o primeiro tipo de cambio oficial emitido no mes de presentación da solicitude, computando todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas.
Naqueles países para os cales o Estado español non teña fixadas as contías das prestacións económicas por ancianidade, a referencia será o 80 % da contía da pensión non contributiva por xubilación vixente no país de residencia da persoa solicitante o ano da correspondente convocatoria.

Se a persoa solicitante carece de rendas ou ingresos suficientes pero convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais (que virá dada, segundo o caso, pola prestación asistencial por ancianidade ou pensión non contributiva) máis o resultado de multiplicar o 30 % desta cifra polo número de persoas que convivan ou do 70 % no caso de menores de 16 anos, menos unha.

Para estes efectos, considerarase unidade económica familiar a formada pola persoa solicitante da axuda, cónxuxe ou parella de feito, fillos/as e parentes por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao que convivan coa persoa solicitante. Igualmente, consideraranse rendas ou ingresos computables os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa solicitante ou a súa unidade económica familiar, derivados tanto do traballo como do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles.

b) Teren patrimonio insuficiente.
A carencia de patrimonio deberá ser acreditada polas mesmas persoas que no punto anterior.
Considerarase que existe patrimonio mobiliario suficiente cando existan bens mobles na unidade económica familiar cun valor superior ás contías previstas no punto anterior deste artigo en cómputo anual. Así mesmo, considerarase que existe patrimonio inmobiliario suficiente cando o valor patrimonial ou equivalente dos inmobles, na unidade económica familiar, agás a vivenda habitual, supere en 2,5 veces as contías previstas no punto anterior deste artigo en cómputo anual.

c) Acreditar razóns de carácter social, sanitario ou asistencial de situacións sobrevidas nun tempo próximo ao da solicitude, como máximo nos últimos doce meses, que pola súa gravidade requiran unha actuación urxente ou a necesidade de realizar unha viaxe por mor desta razón e, en particular, as derivada da actual situación de pandemia de coronavirus.
Para estes efectos, consideraranse razóns sociais, sanitarias ou asistenciais as seguintes:
– Atoparse no exterior en situacións de marxinación social ou de tal grao de dependencia que a persoa non se poida valer por si mesma e non teña cuberta a necesidade de atención por ningún medio.
– Situacións derivadas da perda, inadecuación ou dotación básica da vivenda habitual ou familiar e carecer de medios para paliar esta situación.
– Situacións derivadas de problemas perentorios referidos á alimentación, vestido, educación e outros de natureza análoga non cubertos polos diferentes sistemas de protección.
– Situacións derivadas de problemas sanitarios graves cuxo tratamento non estea debidamente cuberto ou con respecto dos cales, para a axuda de viaxes, a súa atención no Estado español supoña unha vantaxe significativa. Nestes casos, a persoa solicitante da axuda deberá acreditar previamente que ten cuberta a correspondente prestación sanitaria.
– Situacións sobrevidas causadas por graves catástrofes naturais ou outras causas que provoquen a perda ou grave deterioración da vivenda habitual e do enxoval.
– Aqueloutras situacións de carácter social, asistencial ou humanitario que deriven na necesidade dunha intervención urxente.

Forma e lugar de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado, de acordo co previsto na orde de convocatoria, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. No caso de que a persoa solicitante estea incapacitada, a solicitude farase ao seu nome e será asinada polo seu representante legal. Neste caso, deberá acreditarse a representación fidedigna por calquera medio válido en dereito.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será o determinado anualmente pola correspondente resolución de convocatoria destas axudas.