CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE
Obxecto
O obxecto desta resolución é convocar probas de avaliación en competencias clave para o acceso ás accións formativas dos certificados de profesionalidade de niveis 2 e 3 de cualificación profesional da formación profesional para o emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR306A).
Así mesmo, cómpre establecer as posibles exencións ás probas e validacións das distintas competencias clave, así como consideracións sobre a expedición de certificados de profesionalidade.
Competencias clave que se convocan
1. Convócanse probas nos niveis de cualificación profesional 2 e 3, nas seguintes competencias clave:
– Comunicación en lingua galega.
– Comunicación en lingua castelá.
– Comunicación en lingua estranxeira (inglés).
– Competencia matemática.
2. De conformidade co artigo 20, número 2, letra f), do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, modificado polo Real decreto 189/2013, do 15 de marzo, a superación das probas de competencias clave permitirá o acceso aos certificados de profesionalidade do nivel correspondente.
3. As competencias clave requiridas para todos os certificados de profesionalidade das 26 familias profesionais do Repertorio nacional de certificados de profesionalidade para os niveis de cualificación 2 e 3, son competencia matemática, comunicación en lingua castelá e comunicación en lingua galega.
A competencia de comunicación en lingua estranxeira soamente se require nos certificados de profesionalidade que teñen un módulo formativo de lingua estranxeira e que se especifican no anexo VI desta resolución.
Requisitos de participación
1. Poderán presentarse ás probas para a obtención do certificado de superación das competencias clave necesarias para o acceso a certificados de profesionalidade tanto do nivel 2 como do nivel 3, as persoas que cumpran os dous seguintes requisitos:
a) Maiores de 16 anos ou que os fagan en 31 de decembro do ano natural en que se celebran as probas;
b) Non estar en posesión de ningún dos requisitos de acceso á formación dos certificados de profesionalidade establecidos no artigo 2 da Orde do 7 de xaneiro de 2014 pola que se establecen os requisitos formativos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional e se regulan as probas de avaliación en competencias clave dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 9, do 15 de xaneiro).
2. No anexo III desta resolución infórmase das titulacións, certificacións ou acreditacións oficiais que reúnen os requisitos formativos de acceso aos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional a que se refire o punto anterior.
Exencións e validacións ás probas de avaliación
1. Estarán exentas de presentarse á proba da competencia de comunicación en lingua galega aquelas persoas que cumpran algún dos requisitos establecidos no anexo IV desta resolución.
2. No anexo V desta resolución establécense as validacións por ter superado estudos regrados e probas do sistema educativo para as competencias clave que se convocan.
Presentación de solicitudes e prazo
1. Para participar nestas probas deberá presentarse unha solicitude segundo o modelo do anexo I desta resolución.
2. As solicitudes, xunto coa documentación requirida, presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365
(https://sede.xunta.gal/chave365).
A solicitude tamén estará dispoñible no portal web da Consellería de Emprego e Igualdade
(https://ceei.xunta.gal/recursos/temas-de-interese/c/Formacion-ocupacional-e-continua? content=topic_0145.html).
3. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. As persoas interesadas con discapacidade recoñecida cun grao igual ou superior ao 33 %, no caso de solicitaren adaptacións, teñen que indicalo na solicitude de inscrición nos recadros do bloque de persoas con algunha discapacidade.
5. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 7 de abril de 2021.