martes, 9 de marzo de 2021

SUBVENCIÓNS A ENTIDADES DE INICIATIVA SOCIAL SEN ÁNIMO DE LUCRO PARA PROGRAMAS DIRIXIDOS A MULLERES EN SITUACIÓN DE ESPECIAL VULNERABILIDADE

 CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE

RESOLUCIÓN do 23 de febreiro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento SI427A).

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír á redución da dobre discriminación en que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade, coa finalidade de que poidan acadar unha maior autonomía e independencia de cara a mellorar a súa situación persoal, social e laboral, mediante o apoio a programas de recursos integrais de atención personalizada e especializada que respondan a un dos seguintes tipos:
a) Programa de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de tres anos, en situación de especial vulnerabilidade.
b) Programa de recursos integrais de atención personalizada e especializada para mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos en que concorra a dita situación.
Son subvencionables os gastos e as actuacións realizadas entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021.

Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas na convocatoria as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que teñan domicilio social ou delegación en Galicia e que estean inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), sempre que cumpran os demais requisitos e condicións establecidos nas bases reguladoras.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.