CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE
Convocatoria.
Convócanse, para o ano 2021, as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros/as por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co calendario e demais condicións previstas nesta resolución. Os procedementos asociados a esta norma son o de inscrición ás ditas probas (anexo I-IF310D) e o de devolución de taxas en relación coa dita inscrición (anexo II-IF310E).
Calendario.
No ano 2021 realizaranse seis convocatorias, tanto para as categorías D1, D1 + E, D e D + E, como para as categorías C1, C1 + E, C e C + E, que se desenvolverán de acordo co seguinte calendario e prazos de inscrición:
Convocatoria Intervalo de celebración Prazo de inscrición
1ª 22.3.2021 a 24.4.2021 15 días, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución
2ª 10.5.2021 a 29.5.2021 Desde que remate o prazo para a anterior convocatoria e ata o 12.4.2021
3ª 7.7.2021 a 31.7.2021 Desde que remate o prazo para a anterior convocatoria e ata o 18.6.2021
4ª 7.9.2021 a 4.10.2021 Desde que remate o prazo para a anterior convocatoria e ata o 20.8.2021
5ª 20.10.2021 a 8.11.2021 Desde que remate o prazo para a anterior convocatoria e ata o 10.10.2021
6ª 24.11.2021 a 18.12.2021 Desde que remate o prazo para a anterior convocatoria e ata o 15.11.2021
En atención á evolución da situación sanitaria provocada pola pandemia da COVID-19, as anteriores datas poderán ser obxecto de ulterior modificación, mesmo unificando a celebración de convocatorias de exame, información que publicaría a Dirección Xeral de Mobilidade na sección «Formación» da web https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal.
Solicitudes.
a) As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica na sede electrónica do Ministerio de Fomento. Con esta finalidade poderase acceder á sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, procedemento IF310D (anexo I), onde se amosará o enlace á sede electrónica do Ministerio de Fomento en que se deberá realizar a inscrición cubrindo os datos requiridos para tal efecto.
b) As persoas aspirantes excluídas ou non admitidas á realización das probas poderán solicitar a devolución das taxas que aboasen, de ser o caso, a través do procedemento IF310E, para o cal presentarán unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución.
c) As solicitudes de devolución de taxas (IF 310E-anexo II) presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
d) Ao abeiro do establecido no artigo 10.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, nos procedementos regulados nesta resolución é obrigatoria a presentación electrónica, tanto das solicitudes como da documentación complementaria, dada a necesidade de inscrición na sede electrónica do Ministerio de Fomento para a comprobación de requisitos de acceso ás probas en todo o territorio estatal e tendo en conta tamén que está dirixido a un colectivo profesional de transportistas de mercadorías e de viaxeiros que, para o exercicio de traballos asociados coa dita profesión, deberán dispoñer de medios para a tramitación electrónica, especialmente nos casos de traballo por conta propia, en que xa resulta obrigatoria de acordo coa lexislación vixente.