martes, 30 de marzo de 2021

AXUDAS AO ALUGAMENTO DE VIVENDA DO PLAN ESTATAL DE VIVENDA 2018-2021

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 2021 pola que se convocan as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 para o ano 2021 (código de procedemento VI432A).

Réxime de concesión das axudas
A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas da liña A, axudas ao alugamento de vivenda, as persoas físicas maiores de idade que na data da presentación da solicitude cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter a nacionalidade española ou residir legalmente en España, no caso das persoas estranxeiras.
b) Ser titulares, en condición de persoa inquilina, dun contrato de alugamento de vivenda cunha duración mínima dun ano, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos e cuxos efectos económicos sexan anteriores ao último día de prazo de presentación de solicitudes.
c) Que a vivenda arrendada constitúa a súa residencia habitual e permanente, así como da súa unidade de convivencia durante todo o período polo que se conceda a axuda. Para estes efectos, tanto a persoa beneficiaria como as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia deben constar empadroadas na vivenda obxecto do contrato de alugamento na data da presentación da solicitude.
d) Que a renda mensual da vivenda alugada non supere os importes establecidos no artigo 10 das bases reguladoras.
e) Que os ingresos das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a dúas veces o Indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM). Este límite será de catro veces o IPREM se a unidade de convivencia é unha familia numerosa de categoría xeral ou ten persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación. O límite será de cinco veces o IPREM cando a unidade de convivencia sexa unha familia numerosa de categoría especial ou teña persoas con algún dos seguintes tipos de discapacidade:
i) Parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
ii) Discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
f) Que os ingresos mínimos da unidade de convivencia non sexan inferiores a 0,7 veces o IPREM. Para o cómputo destes ingresos non serán de aplicación os coeficientes multiplicadores previstos no artigo 12.4 das bases reguladoras.
2. Poderán ser beneficiarias das axudas da liña B, axudas á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente, as persoas físicas maiores de idade que non teñan feitos os 35 anos na data de presentación da solicitude e cumpran o resto de requisitos sinalados no punto 1 deste ordinal.

Duración das axudas
As axudas de ambas as dúas liñas concederanse por un prazo máximo dun ano e, en todo caso, ata o 31 de decembro de 2021, prazo de remate da vixencia do Plan 2018-2021.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.