Axencia Galega da Industria Forestal
Obxecto
1. Nos termos desta resolución, serán subvencionables os proxectos realizados polas entidades beneficiarias descritas no artigo 2 desta resolución que integren actividades de carácter formativo non regrado, así como actividades de carácter divulgativo que promovan a industria forestal-madeira de Galicia como unha industria estratéxica e de futuro.
2. As persoas solicitantes poderán presentar como máximo un proxecto ao abeiro desta resolución. Os proxectos poderán incluír actividades independentes, tanto para a organización de accións formativas non regradas como accións de divulgación.
No caso de que se presentasen dous o máis proxectos tería prioridade o último presentado dentro do prazo.
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias sempre que, con anterioridade á publicación desta resolución, cumpran as condicións e os requisitos establecidos nela:
a) Asociacións, organizacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e sexan representativas da cadea de valor da industria forestal-madeira.
b) Agrupacións empresariais innovadoras (AEI) representativas da cadea de valor da industria forestal-madeira.
c) Colexios profesionais vinculados ás titulacións de Enxeñaría de Montes e/ou Enxeñaría Técnica Forestal, e outros colexios profesionais cando as actividades subvencionables se correspondan coa promoción e o desenvolvemento de competencias en materia de construción en madeira e teñan cabida nas competencias profesionais dos colexiados do devandito colexio.
d) Centros universitarios, cando as actividades subvencionables se correspondan coa promoción e o desenvolvemento de competencias profesionais en materia de construción en madeira.
2. Con carácter xeral, as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Estar legalmente constituídas e rexistradas nos rexistros competentes e estar ao día nos deberes referidos ao depósito de documentos e inscrición de acordos nos devanditos rexistros, de ser o caso.
b) Non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin ter pendentes de pagamento débedas coa Comunidade Autónoma, así como estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
c) Realizar as actividades obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.
d) Ter domicilio social e actividade en Galicia, con data anterior á publicación desta resolución.
e) Acreditar o cumprimento dos prazos de pagamento que se estipulan na Lei 3/2004, de 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para axudas de importe superior a 30.000 euros e cando as entidades solicitantes sexan suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.