Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Obxecto
Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e das condicións polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento do emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro sinaladas no artigo 3, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia de xénero desempregadas, para a realización de servizos de interese xeral e social (código do procedemento TR352A), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas e das subvencións previstas na presente orde as entidades sen ánimo de lucro que, na data de achega da solicitude, estean inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (en adiante, RUEPSS) na categoría de iniciativa social, nas áreas de comunidade, dependencia, discapacidade, inclusión, maiores, familia, infancia, menores e igualdade, e cuxa actividade principal estea dirixida directamente, e de maneira indubidable, a desenvolver ou fomentar accións específicas para a inserción social e laboral das persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, servizos comunitarios, igualdade, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres, sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Deberá figurar no RUEPSS a memoria actualizada das actuacións desenvolvidas no ano 2024 pola entidade solicitante. A devandita memoria deberá estar dispoñible antes da reunión da Comisión de Avaliación prevista no artigo 13.
As entidades deberán dispoñer, polo menos, dun centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta, e no cal se estean a levar a cabo programas de apoio a persoas con discapacidade, dependencia, en risco de exclusión, maiores, menores, familias ou mulleres en situación de vulnerabilidade. É nese centro ou centros de traballo onde as persoas que se contraten ao abeiro desta convocatoria deberán desenvolver as súas funcións.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.