martes, 12 de agosto de 2025

AXUDAS PARA O PROGRAMA NEXOS 2025

 Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 29 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o programa Nexos para fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, a través do apoio a proxectos colaborativos de investigación, desenvolvemento e innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 Galicia 2021-2027, cofinanciadas pola Unión Europea nun 60 % no marco do programa de Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento IN852A).

Obxecto
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación ao abeiro da convocatoria Nexos. Esta iniciativa ten como obxectivo fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, a través do apoio a proxectos colaborativos empresariais de investigación, desenvolvemento e innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades definidas no marco da Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027 (código de procedemento IN852A).

Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas para o ano 2025 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva (código de procedemento IN852A); as axudas concedidas no marco desta resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da Unión.

Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as agrupacións de empresas que realicen proxectos de I+D+i en colaboración. As empresas poderán ser pequenas, medianas ou grandes, segundo as definicións contidas no anexo VIII.
As agrupacións deberán estar constituídas, como mínimo, por tres empresas e como máximo por seis, e o tamaño da agrupación deberá ser o necesario para garantir unha xestión eficaz. Cada agrupación contará con, polo menos, dúas empresas independentes entre si. Así mesmo, na agrupación poderá participar só unha grande empresa coa participación máxima sinalada no artigo 3.3 desta resolución.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 22 de setembro, debendo cumprirse o prazo mínimo dun mes.

Características dos proxectos
Os proxectos de I+D+i estarán en consonancia cos retos contidos na RIS3 Galicia 2021-2027, de acordo coa definición que se realiza no anexo VIII desta convocatoria, e deberán enmarcarse nalgún dos seus ámbitos prioritarios detallados no dito anexo.
Así mesmo, os proxectos financiables poderán encadrarse nalgún dos seguintes ámbitos estratéxicos, tal e como se definen no anexo XI: agroalimentación, benestar e saúde, economía circular e enerxía, fabricación avanzada. Na solicitude deberá indicarse un único ámbito estratéxico no cal se encadre o proxecto e que se deberá xustificar na memoria técnica. No caso de que o proxecto presentado non se encadre en ningún destes ámbitos estratéxicos, clasificarase en «outros ámbitos».
Os proxectos de I+D+i subvencionables ao abeiro desta convocatoria deberán realizarse sempre en cooperación con pemes e ter un orzamento subvencionable mínimo de 500.000 euros e un máximo de 1.500.000 euros, dividido nas distintas actividades que vaia realizar cada un dos integrantes da agrupación. Exixirase unha participación mínima por cada membro da agrupación de 75.000 euros.
Poderá incluírse unha grande empresa, cunha participación limitada a un máximo do 30 % do orzamento subvencionable total do proxecto.
Só se financiarán as actividades do proxecto desenvolvidas na Comunidade Autónoma de Galicia. Todos os membros da agrupación deberán levar a cabo as súas actividades en Galicia, de xeito que todas as empresas participantes nun proxecto deberán ter na Comunidade un centro de traballo permanente legalmente constituído onde realicen as actividades descritas na memoria técnica do proxecto.
A duración máxima dos proxectos será de tres anos e deberán estar rematados o 30 de setembro do ano 2028.