Escola Galega de Administración Pública
Solicitudes e prazos
1. O prazo de presentación de solicitudes será do 25 de agosto ao 5 de setembro de 2025.
2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.
4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e, ao tratarse de actividades impartidas na modalidade de teleformación, deberán dispor dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:
– Un ordenador con conexión á internet.
– Un navegador web actualizado.
6. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 53, 981 54 62 54, 981 54 62 73 e 981 54 63 35 en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas) e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.
Criterios de selección
1. Unha vez recibidas as solicitudes correctamente, asignaranse as prazas no curso solicitado por orde de inscrición ata esgotar o total de prazas, tendo prioridade aquelas persoas que posúan o título de monitor/a ou director/a de tempo libre e os que teñan o carné xove en vixencia (deberán achegar a documentación que o acredite ao enderezo <issga.cursoprl@xunta.gal> dentro do prazo de presentación de solicitudes) e reservarase o 50 % das prazas do curso ao persoal empregado público.
2. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso poderá completarse o número de participantes asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.