miércoles, 20 de agosto de 2025

AXUDAS PARA O FORTALECEMENTO E A AMPLIACIÓN DAS CAPACIDADES DOS CENTROS TECNOLÓXICOS GALEGOS MEDIANTE O APOIO Á CREACIÓN E MELLORA DE INFRAESTRUTURAS TECNOLÓXICAS

 Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fortalecemento e a ampliación das capacidades dos centros tecnolóxicos galegos mediante o apoio á creación e a mellora de infraestruturas tecnolóxicas e de investigación cofinanciadas pola Unión Europa no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento IN607E).

Obxecto
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación para o fortalecemento dos centros tecnolóxicos galegos mediante o apoio a investimentos para a creación e a mellora de infraestruturas de investigación e de apoio á experimentación, tamén denominadas infraestruturas tecnolóxicas.
Esta mellora das súas capacidades estará orientada a facilitar o seu crecemento potenciando a súa excelencia no ámbito internacional e reforzar as súas actividades de transferencia cara ao tecido produtivo, especialmente no caso de pemes, para mellorar a súa competitividade.
Así mesmo, por medio desta resolución convócanse, en réxime de concorrencia competitiva, as ditas axudas para o ano 2025 (código de procedemento IN607E), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa de Galicia Feder 2021-2027. Estas axudas axustaranse ao establecido nos artigos 26 e 26 bis do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias destas axudas os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de Galicia inscritos no Rexistro Estatal de Centros, regulado polo Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 29 de setembro de 2025, debendo cumprirse o prazo mínimo dun mes.

Actividades subvencionables
Serán subvencionables as actuacións de creación e mellora de infraestruturas de investigación ou infraestruturas tecnolóxicas, entendendo como tales as definicións incluídas no anexo II desta resolución.
As actuacións subvencionables poderán incluír investimentos en terreos, edificios ou instalacións para a construción, reforma ou adaptación necesarias destas infraestruturas, sempre que a actuación tamén inclúa a adquisición de equipamento. O orzamento deste equipamento deberá supoñer como mínimo o 30 % do orzamento total da proposta.
Non será preciso incluír a adquisición de equipamento, cando a actuación subvencionable teña como finalidade a localización de equipamentos xa financiados na convocatoria de axudas para o fortalecemento e a ampliación das capacidades dos centros tecnolóxicos galegos do ano 2024.
As infraestruturas de investigación abarcarán instalacións, bens de equipo ou instrumental científicos; recursos baseados no coñecemento (arquivos ou información científica estruturada); infraestruturas de carácter instrumental baseadas en tecnoloxías da información e da comunicación (rede, programas informáticos e comunicacións); ou calquera outro recurso de carácter único necesario para levar a cabo a investigación. Estas infraestruturas poderán atoparse nun só lugar ou estar descentralizadas («rede organizada de recursos»).
O conxunto dos diferentes activos materiais e inmateriais que sexan considerados elementos dunha mesma infraestrutura de investigación cun ámbito temático ou tecnolóxico común consideraranse, aos efectos desta axudas, como unha «unidade de investigación» e así deberán solicitarse.
As Infraestruturas de ensaio e experimentación ou tecnolóxicas serán as instalacións, os equipamentos e as capacidades e os recursos de apoio para o ensaio e a experimentación con vistas ao desenvolvemento de produtos, procesos e servizos, novos ou mellorados, así como para probar e expandir tecnoloxías. Bancos de probas, liñas piloto, demostradores, instalacións de ensaio ou laboratorios vivintes (living labs), así como os servizos de apoio conexos cuxos usuarios sexan principalmente empresas, sobre todo pemes.
Como no caso das infraestrutura de investigación, todos os activos materiais e inmateriais que compoñen unha mesma infraestrutura de ensaio e experimentación consideraranse, para os efectos desta axudas, como unha «unidade tecnolóxica».
Un mesmo centro solicitante poderá incluír máis dunha unidade na súa solicitude e solicitar tipos de unidades diferentes (de investigación ou tecnolóxicas), sempre que estean orientadas a un ámbito ou tecnoloxía común.
O orzamento subvencionable de cada solicitude non pode ser inferior a 450.000,00 € nin superior a 8.000.000,00 € (IVE) non incluído).

Outros datos
Poderán realizarse pagamentos anticipados e na conta das subvencións recollidas nesta resolución. De acordo co estipulado no artigo 62.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e logo da autorización do Consello da Xunta de Galicia, estes pagamentos poderán acadar ata o 90 % da axuda concedida.
Estes pagamentos están exentos da presentación de garantías de acordo co establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009.
O artigo 65.4.g) do Decreto 11/2009 exime da presentación de garantías aos centros tecnolóxicos que sexan recoñecidos como tales pola Consellería de Economía, Industria e Innovación. Actualmente, a Comunidade Autónoma de Galicia non ten unha normativa específica para os centros tecnolóxicos de Galicia e existe unicamente a nivel estatal un rexistro de centros tecnolóxicos e de apoio á innovación regulado polo Real decreto 2093/2008, ao que se acollen estas axudas para definir os centros beneficiarios.
Os centros beneficiarios poderán solicitar, de forma motivada, o pagamento anticipado segundo as seguintes porcentaxes:
– Anualidades 2025 e 2026: ata o 100 % da subvención concedida nesta anualidade.
– Anualidades sucesivas: ata o 50 % da subvención concedida en cada anualidade.
En ningún caso o importe da totalidade dos anticipos concedidos poderá superar o 80 % da subvención total concedida.
Todas as infraestruturas financiadas deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, Do no significant harm), en cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados.