Axencia Galega das Industrias Culturais
Finalidade
Determinar as condicións polas cales se regulará a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais para a ampliación e diversificación da oferta cultural en áreas non urbanas e convócanse para o ano 2025.
Persoas beneficiarias
1. Poderán optar a estas subvencións as persoas físicas (autónomas) e as persoas xurídicas privadas, legalmente constituídas, con sucursal ou oficina permanente de polo menos un ano previo a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade habitual en Galicia e sempre que cumpran os requisitos seguintes:
a) Ter social ou estatutariamente como obxecto social a creación, a organización, a xestión, a distribución de espectáculos en calquera das disciplinas de ámbito cultural, a investigación cultural, a consultoría cultural ou calquera ámbito relacionado co ecosistema cultural, no suposto de persoas xurídicas.
b) Para o caso das persoas físicas (autónomas), estar de alta no réxime especial de traballadores autónomos en calquera das epígrafes relacionadas co ámbito cultural.
2. Tamén poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas subvencións aquelas asociacións e fundacións en cuxo obxecto social se recolla a capacidade para desenvolver o obxecto desta axuda.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.