miércoles, 20 de agosto de 2025

SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS DE SAÚDE PÚBLICA NO CAMPO DO VIH/SIDA E OUTRAS INFECCIÓNS DE TRANSMISIÓN SEXUAL (ITS)

 Consellería de Sanidade

ORDE do 28 de xullo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións para proxectos de saúde pública no campo do VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) realizados en Galicia por entidades privadas sen ánimo de lucro (código de procedemento SA645A).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar no ano 2025, en réxime de concorrencia competitiva, a concesión de subvencións a proxectos de saúde pública, relacionados coa infección polo VIH, a sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS), que realicen en Galicia entidades privadas sen ánimo de lucro ao longo do período comprendido entre o 1 de xullo de 2025 e o 30 de xuño de 2028.
O código do procedemento regulado a través desta orde é o SA645A.
Os proxectos subvencionados deben desenvolver as súas actividades un mínimo de 3 meses no período comprendido entre o 1 de xullo e o 31 de decembro de 2025, un mínimo de 6 meses entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026, un mínimo de 6 meses entre o 1 de xaneiro de 2027 e o 31 de decembro de 2027, xunto cun mínimo de 3 meses entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2028.
Como máximo, subvencionaranse os 12 proxectos que resulten máis valorados, en función dos criterios de valoración establecidos no artigo 15.

Entidades beneficiarias
Poderán solicitar e ser beneficiarias destas subvencións as entidades privadas sen ánimo de lucro que presenten un único proxecto e que cumpran co obxecto e normas desta orde, sempre e cando non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que imposibilitan obter a condición de beneficiaria das subvencións.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Outros datos
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).