Instituto Galego de Promoción Económica
Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto mellorar a preparación dixital fronte a ameazas cibernéticas nas empresas galegas, mediante a adopción de medidas de ciberseguridade que lles permitan reforzar a protección dos seus activos críticos, reducir o risco de incidentes e mellorar a súa capacidade de prevención, detección e resposta ante ameazas no contorno dixital.
A finalidade destas axudas é facilitar ás empresas galegas a avaliación dos riscos de ciberseguridade aos que están expostas, a implementación de servizos técnicos especializados e a incorporación de prácticas que melloren a súa madurez en materia de seguridade dixital. Este apoio contribuirá a fortalecer a súa continuidade operativa, competitividade e posicionamento estratéxico nun mercado crecente en exixencias de seguridade.
As axudas destinaranse a financiar o acceso a servizos de ciberseguridade prestados por entidades provedoras homologadas, que poderán abranguer:
• A realización dun diagnóstico inicial de madurez e riscos, cando a empresa beneficiaria o considere necesario, especialmente nos casos nos que non dispoña dun diagnóstico recente conforme estándares recoñecidos.
• Acceso a servizos especializados en pagamento por uso durante 12 meses, adaptados ás necesidades detectadas, que poderán incluír a migración segura de infraestruturas a contornos cloud (IaaS), a operación segura de infraestruturas TI (ITaaS) ou a protección de contornos industriais OT (OTaaS).
• A execución de actuacións complementarias de reforzo, tales como probas de hacking ético, accións de concienciación e sensibilización ou a implantación de políticas de seguridade baseadas en estándares recoñecidos como ISO/IEC 27001, o Esquema Nacional de Seguridade (ENS) ou a Directiva NIS2, así como servizos de acompañamento estratéxico tipo CISO as a Service, orientados á definición, seguimento e supervisión do plan de ciberseguridade da empresa.
Persoas beneficiarias
Os empresarios individuais e persoas xurídicas que teñan a condición de empresa, con independencia do seu tamaño, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter domicilio social ou un centro de traballo en Galicia no que se desenvolva a actuación subvencionada.
b) Atoparse validamente constituídas no momento de presentar a solicitude.
c) Estar ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou que incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes de axuda comezará a contar o sexto día hábil posterior ao da publicación da Resolución de homologación de entidades provedoras no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará o 15 de novembro de 2025 ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.