miércoles, 27 de agosto de 2025

PREMIOS DO COMERCIO GALEGO 2025

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 18 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se fai pública a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos premios do Comercio galego 2025 (código de procedemento IN214C).

Obxecto e ámbito da convocatoria
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexen os premios do Comercio galego, que se aproban no anexo I, e proceder á súa convocatoria para o ano 2025 co obxectivo de recoñecer o labor dos/das profesionais do sector comercial e contribuír á súa difusión como panca para o desenvolvemento económico e social das nosas vilas e cidades (código de procedemento IN214C).
Os premios do Comercio galego constan das seguintes categorías:
a) Premio Comercio galego 2025, cunha contía de 5.000 euros.
b) Premio Comercio Traxectoria 2025, cunha contía de 3.000 euros.
c) Premio Comercio Emprende 2025, cunha contía de 3.000 euros.
d) Premio Comercio Dinamización 2025, cunha contía de 5.000 euros.
e) Premio Comercio Sostible 2025, cunha contía de 3.000 euros.

Requisitos de participación
1. Poderán optar ás distintas categorías:
a) Premio Comercio galego 2025.
Os/as comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade.
b) Premio Comercio Traxectoria 2025.
Os/as comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. O comercio onde desenvolvan a mesma actividade comercial debe ter unha antigüidade mínima de trinta anos, con independencia de que houbese ou non remuda xeracional.
c) Premio Comercio Emprende 2025.
Os/as comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. O comercio onde desenvolvan a actividade comercial debe ter unha antigüidade de entre dous e catro anos.
d) Premio Comercio Dinamización 2025.
As asociacións e federacións de comerciantes retallistas e as asociacións de vendedores/as das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Premio Comercio Sostible 2025.
Os/as comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade, e as asociacións e federacións de comerciantes retallistas e asociacións de vendedores/as das prazas de abastos, sen ánimo e lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Cada persoa ou entidade interesada poderá optar a unha ou varias categorías dos premios do Comercio galego, marcando na solicitude (anexo II) o recadro correspondente á/ás modalidades a que opta.
3. A participación das persoas interesadas supón a aceptación total das condicións fixadas nesta orde e a Dirección Xeral de Comercio e Consumo queda facultada para dirimir calquera controversia derivada da súa interpretación.
4. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.