Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Obxecto
Establecer as bases reguladoras que rexerán as axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clases A2 e B por parte das persoas mozas residentes en Galicia coa finalidade de mellorar a súa autonomía, mobilidade e a súa empregabilidade, e proceder á convocatoria para o ano 2025.
Persoas beneficiarias
Poderán solicitar as axudas as persoas mozas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da súa solicitude:
a) Ter feitos os 18 anos de idade e non ter feitos os 31.
b) Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano.
c) Non estar traballando por conta propia nin allea. Enténdese que están traballando por conta propia ou allea aquelas persoas que estean en situación de alta nalgún réxime da Seguridade Social ou nunha mutualidade de previsión social, coa excepción de alumnos e alumnas que realicen prácticas formativas ou prácticas académicas externas incluídas en programas de formación previstas na disposición adicional quincuaxésimo segunda do Real decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral da seguridade social.
d) Ter aprobado o/os permiso/s de conducir para o/s cales se solicita esta axuda con data de expedición entre o 1 de outubro de 2024 e a data de presentación da solicitude.
e) Que a suma dos ingresos anuais dos membros da unidade familiar sexa igual ou inferior a cinco veces o indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM) de 2025, no seu cómputo anual, incluíndo dúas pagas extras.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día 25 de agosto de 2025 ás 9.00 horas, ata o día 25 de setembro de 2025 ás 20.00 horas, salvo que se produza con anterioridade o esgotamento do crédito orzamentario dispoñible, caso en que se observará o disposto no artigo 2.2.
Outros datos
O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, ao non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, e concederánselles a todas aquelas persoas solicitantes que reúnan os requisitos exixidos.
Se o orzamento previsto na orde non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación.
O gasto subvencionable é a suma a prezo global de obtención dos permisos de condución obxecto desta orde, baseado no prezo medio de mercado na Comunidade Autónoma de Galicia para cada tipo de carné.
A xustificación da axuda presentarase no prazo de 10 días hábiles contado a partir da notificación da resolución de concesión.