jueves, 14 de agosto de 2025

PROGRAMA RECUPERACION EXCELENCIA NEOTEC

 Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas destinadas ao apoio de entidades que superaron os limiares mínimos do programa Neotec do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) nas súas convocatorias dos anos 2023 e 2024, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025. Programa Recuperación Excelencia Neotec (código de procedemento IN870A).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas á posta en marcha de novos proxectos empresariais que requiran o uso de tecnoloxía ou coñecementos desenvoltos a partir da actividade investigadora e nos cales a estratexia de negocio se basee no desenvolvemento de tecnoloxía, rescatando para iso aqueles proxectos presentados ás convocatorias de referencia (programa Neotec) que superaron os limiares mínimos recollidos nas devanditas convocatorias dos anos 2023 e 2024 pero que non adquiriron a condición de beneficiarias por insuficiencia de crédito (código de procedemento IN870A).
2. As axudas poderán destinarse a proxectos empresariais en calquera ámbito tecnolóxico e/ou sectorial. Con todo, non se adecúan a esta convocatoria os proxectos empresariais cuxo modelo de negocio se basee primordialmente en servizos a terceiros, sen desenvolvemento de tecnoloxía propia. Tampouco serán obxecto de axuda aquelas iniciativas que non reflictan claramente no seu proxecto de empresa a continuidade no desenvolvemento de tecnoloxía.
3. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse, en réxime de concorrencia non competitiva, as ditas axudas para o ano 2025 (código de procedemento IN870A), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027. Estas axudas axustaranse ao establecido no artigo 22 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Beneficiarias
1. Terán a consideración de entidades beneficiarias as pequenas empresas innovadoras que, presentando unha solicitude de axuda ás convocatorias de referencia, resultasen desestimadas por insuficiencia de orzamento dispoñible para financiar o proxecto con cargo á devandita convocatoria conforme as resolucións definitivas da Presidencia do CDTI das convocatorias do programa Neotec dos anos 2023 e 2024.
Conforme as devanditas resolucións, as entidades beneficiarias desta convocatoria son pequenas empresas que poden considerarse empresa innovadora, conforme os artigos 2 e 3 das convocatorias de referencia, e que, dando cumprimento aos requisitos de elixibilidade e superado os limiares mínimos do artigo 11.4 das convocatorias de referencia, non alcanzaron a puntuación requirida para ser financiables.
2. As entidades beneficiarias deberán ter sede social e centro de traballo principal en Galicia na data de presentación da solicitude á convocatoria de referencia.
3. Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Cumprir coa definición de peme segundo o artigo 2.2 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
b) Non estar cotizadas nin se engadan nunha bolsa de valores, excepto as plataformas de negociación alternativa.
c) Estar constituídas como máximo nos 5 anos anteriores á data de peche do prazo de presentación de solicitudes de axuda á presente convocatoria, contados desde a data de outorgamento da escritura de constitución da empresa.
d) Non distribuír beneficios.
e) Non facerse cargo da actividade doutra empresa, a non ser que o volume de negocios da actividade adquirida supoña menos do 10 por cento do volume de negocios da empresa subvencionable no exercicio financeiro previo á absorción.
f) Non ter adquirido outra empresa ou terse formado mediante concentración de empresas, salvo que o volume de negocios desa empresa adquirida supoña menos do 10 por cento do volume de negocios da empresa subvencionable no exercicio financeiro previo á adquisición ou que o volume de negocios da empresa formada mediante concentración sexa superior en menos dun 10 por cento ao volume combinado das dúas empresas fusionadas no exercicio previo á súa concentración. Non obstante, as empresas formadas mediante concentración de empresas que pola súa vez cumpran os requisitos para optar ás axudas consideraranse tamén empresas subvencionables ata un máximo de cinco anos a partir da data de rexistro da empresa máis antiga que participe na concentración.
g) Ter sido rexistradas ou iniciada a súa actividade económica desde hai 5 anos como máximo.
h) Contar cun capital social mínimo, ou capital social máis prima de emisión ou asunción, de 20.000 euros, desembolsado integramente e inscrito totalmente no rexistro correspondente antes da presentación da solicitude.
4. Non poderán adquirir a condición de entidade beneficiaria as seguintes:
a) As pemes nas cales concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
b) As empresas en crise conforme a definición contida no anexo III desta convocatoria.
c) As entidades do sector público institucional comprendidas no artigo 2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, Lei 40/2015), fóra das sociedades mercantís públicas.
d) As entidades que incumpran os prazos de pagamento a que se refire o artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (en diante, Lei 38/2003).
e) As empresas que resultasen beneficiarias, con carácter previo á presente convocatoria, de anteriores axudas do programa Neotec do CDTI, así como da Resolución do 4 de agosto de 2022 (DOG núm. 165, do 31.08.2022) e do 2 de xuño de 2023 (DOG núm. 116, do 20.6.2023) da Axencia Galega de Innovación (código de procedemento IN870A) e dos convenios de colaboración subscritos entre a Axencia Galega de Innovación e pequenas empresas de Galicia para a execución de proxectos de desenvolvemento empresarial presentados ao Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial e avaliados de forma favorable pero non financiados no marco do programa Neotec (convocatoria de 2020) do Subprograma Estatal de I+D+i empresarial.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computarse unha vez transcorridos 4 días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará ás 23.59 horas do día 22 de setembro de 2025.