Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de axudas para a realización dos cursos para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e na modalidade de «ampliación ou promoción», así como para a obtención dos permisos de condución das clases C e/ou D, para a incorporación de condutores/as profesionais ao mercado laboral, así como para a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para o ano 2025 (códigos de procedemento IF310F e IF310G).
A orde conta con dúas liñas de axuda:
Liña 1: subvencionar os cursos realizados coa cualificación de apto, para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e/ou de «ampliación ou promoción», dos condutores residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada.
Liña 2: subvencionar a obtención dos permisos de condución das clases C, C1, C1+E, C+E, D, D1, D1+E.
2. O período subvencionable para ambas as liñas será do 30 de outubro de 2024 ao 30 de outubro de 2025.
3. Aprobar os formularios normalizados para a xestión da convocatoria do ano 2025 que figuran como anexos a esta orde:
– Anexo I: adhesión das entidades ás axudas para a realización dos cursos para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial, curso de ampliación e permisos de condución das clases C e/ou D, para o exercicio da actividade de condutor/a profesional.
– Anexo II: axudas para a realización dos cursos para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial, curso de ampliación e permisos de condución das clases C e/ou D, para o exercicio da actividade de condutor/a profesional.
– Anexo III: autorización para a representación.
– Anexo IV: solicitude de pagamento.
4. Publicar o convenio de colaboración para a xestión das ditas axudas, para a cal se deben adherir as entidades colaboradoras (anexo V).
5. As axudas establecidas nesta convocatoria teñen como fin de utilidade pública fomentar o emprego no sector do transporte, promovendo a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial de condutor/a de vehículos de mercadorías ou de viaxeiros, ou de «ampliación ou promoción», no caso daqueles alumnos que, dispondo do CAP de mercadorías ou de viaxeiros, pretendan obter o correspondente á outra actividade, segundo o establecido no Real decreto 284/2021, e os correspondentes permisos de condución C e/ou D para acceder á profesión, compensando parcialmente o custo da súa realización.
Persoas beneficiarias
1. Poderán solicitar as axudas as persoas físicas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da solicitude.
a) Ter 18 anos.
b) Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia con anterioridade ao inicio do período subvencionable (30 de outubro de 2024). As entidades adheridas poderán requirirlle á persoa interesada a xustificación deste feito mediante a xustificación oficial de empadroamento.
c) Para seren persoas beneficiarias da liña 1, terán que ter realizado e superado o curso para a obtención do certificado de aptitude profesional.
Deberán intentar superar o exame CAP e presentarse, no prazo dun ano desde o remate do curso, a un mínimo de catro convocatorias de exame, salvo que superen o dito exame nas convocatorias anteriores.
Non se exixe a superación do exame CAP, pero si a presentación a este polo menos en catro ocasións. En caso contrario, deberán reintegrar o 20 % da axuda recibida.
Para seren persoas beneficiarias da liña 2, deberán obter o/s permiso/s de condución das clases C, C1, C1+E, C+E, D, D1, D1+E durante o período subvencionable.
d) Ter aboado o importe do curso e os custos de matrícula e as clases de condución para a obtención do permiso de condución das clases C e/ou D.
e) Cumprir os requisitos xerais establecidos no artigo 11 e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O cumprimento destes requisitos acreditarase mediante a declaración responsable recollida no formulario de solicitude.
2. Para a liña 1, cada persoa beneficiaria só poderá obter unha vez a axuda, agás no suposto de que, tendo obtido o CAP para transporte de mercadorías ou de viaxeiros, pretenda optar á obtención do CAP para a outra actividade, respectivamente, mediante a superación da formación de «ampliación ou promoción», suposto en que tamén poderá obter esta segunda axuda por unha única vez.
Para a liña 2, cada persoa beneficiaria poderá obter a axuda por cada un dos permisos de condución que obteña durante o período subvencionable.
As persoas beneficiarias poderán obter as axudas das liñas 1 e 2 de xeito acumulativo.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 1 de outubro de 2025 e finalizará o 30 de outubro de 2025, ou cando se esgoten os fondos.
Prazo de presentación das solicitudes de adhesión
O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras será dun mes, contado a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.
Outros datos
1. As solicitudes de adhesión (código de procedemento IF310F) presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
2. A tramitación do procedemento de solicitude de axuda (código de procedemento IF310G) realizarase a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas que figuren na listaxe que se publique na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/es/mobilidade
3. As entidades colaboradoras presentarán, tanto as solicitudes de adhesión como as solicitudes de axuda, obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
4. Para a presentación electrónica, poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).