Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Obxecto
O obxecto é establecer as bases que rexen a concesión dos premios do programa Xuventude Crea e proceder á súa convocatoria para o ano 2025.
Persoas beneficiarias
Poderán solicitar a participación na obtención dos premios nas especialidades do programa Xuventude Crea 2025 as persoas non profesionais –exceptúase este requisito para a especialidade de teatro, modalidade Pro, nos termos establecidos no capítulo II para esta especialidade–, e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Posuír nacionalidade española, ser nacional dun país membro da Unión Europea ou persoa estranxeira residente en España no momento de presentación da solicitude, e desenvolver a actividade artística nalgunha das modalidades obxecto destes premios maioritariamente na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Ser descendente de persoa emigrante galega ata o terceiro grao ou ter residencia habitual no estranxeiro pero vinculado con calquera concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE).
c) Ter unha idade comprendida entre os 16 e os 30 anos feitos no ano 2025, agás o establecido no capítulo II para cada especialidade.
Enténdese por profesional aquela persoa que mantén unha relación contractual permanente ou ocasional con algunha empresa vinculada á especialidade concreta na cal solicita participar levando a cabo traballos directamente relacionados con ela, ou que está dada de alta como autónoma nunha actividade que teña unha relación directa coa citada especialidade.
Salvo no caso das especialidades de cociña, creación de contido, creación de videoxogos, danza moderna, DJ (disc-jóckey), música, teatro e videocreación, a participación será sempre a título individual.
Aquelas persoas que gañasen o primeiro premio dunha especialidade das convocadas na edición do ano anterior non poderán participar na mesma especialidade nesta convocatoria.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Outros datos
Especialidades dos premios do programa Xuventude Crea:
a) Artes plásticas, coas modalidades de pintura e escultura.
b) Arte urbana.
c) Banda deseñada.
d) Cociña.
e) Creación de contido.
f) Creación de videoxogos.
g) Danza moderna.
h) Deseño de xoias.
i) DJ (disc-jóckey).
j) Fotografía.
k) Moda.
l) Música.
m) Novela curta.
n) Poesía.
ñ) Teatro, coas modalidades de Afeccionado e Pro.
o) Videocreación.
Premios por cada unha das especialidades:
Un primeiro premio de 2.000 €.
Un segundo premio de 1.500 €.
Un terceiro premio de 1.000 €.
Un premio especial de 1.000 € para a modalidade de música clásica da especialidade de música.
Poderanse outorgar mencións de honra, que carecerán de dotación económica, nas diferentes especialidades, a aquelas obras que conseguiran chegar á fase final en relación ás especialidades que establezan a dita fase á que acceden as persoas concursantes finalistas seleccionadas e que coa avaliación da comisión de selección, acaden a suficiente calidade.