VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Obxecto e réxime xurídico
1. O obxecto do premio é fomentar e distinguir traballos de estudo e investigación sobre as administracións territoriais, institucionais e os entes públicos instrumentais do sector público da comunidade autónoma (código do procedemento PR771A).
2. A concesión do premio rexerase por estas bases; pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e, subsidiariamente, pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións.
Persoas destinatarias
1. Poderán participar nesta convocatoria persoas individuais ou grupos de traballo de calquera nacionalidade dos Estados membros da Unión Europea. Gardarase reserva sobre a identidade de cantas persoas participen no premio, e unicamente serán obxecto de publicidade o nome e apelidos da persoa ou persoas gañadoras.
2. No suposto de que se trate de grupos de traballo, acreditarase expresamente a persoa física responsable da dirección do equipo, que será a persoa que figure como solicitante no modelo normalizado de solicitude, así como a porcentaxe de participación de cada integrante do grupo no traballo presentado.
3. Non poderán acceder a este premio as persoas que se atopen afectadas por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes e traballos
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e que figura como anexo I a esta orde.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude e/ou traballo de investigación presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. A solicitude deberá ser asinada electronicamente pola persoa solicitante ou representante ou por aquela que se responsabilice da dirección do grupo de traballo, se é o caso.
Co obxecto de garantir o anonimato, nos traballos de investigación presentados non figurará ningún dato persoal da persoa autora deles, senón unicamente o título na primeira páxina. Así mesmo, o dito traballo será presentado nun arquivo independente ao do resto da documentación. No mesmo sentido, a Dirección da EGAP faciliará ao xurado, para o desenvolvemento das súas funcións, unicamente o documento que conteña o texto dos traballos presentados e manterá custodiada a identidade do/a autor/a ou dos/as autores/as ata que se resolva o procedemento.
3. O prazo de presentación das solicitudes e dos traballos comezará coa entrada en vigor desta orde e finalizará o 15 de outubro de 2019.