CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA
Obxecto
Esta orde ten por obxecto proceder á terceira convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, do Programa de incentivos á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas (procedemento TR310A).
A finalidade deste programa de incentivos é mellorar a cualificación profesional das persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos da economía galega, contribuíndo a mellorar a competitividade das empresas que operan nestes sectores identificados como estratéxicos.
Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as empresas privadas con centro de traballo en Galicia, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, excepto as persoas traballadoras por conta propia, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde.
Tamén poderán ser entidades beneficiarias as agrupacións de empresas, que deberán estar constituídas, como mínimo, por dúas empresas non vinculadas entre si con necesidades formativas similares, de tal modo que así se poida alcanzar o número mínimo de alumnado participante que se establece nestas bases. O tamaño máximo da agrupación será de seis empresas.
Prazo de presentación das solicitudes
O prazo para achegar solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente convocatoria. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
A presentación de solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, nos enderezos: https://sede.xunta.gal ou https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes