AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN
Obxecto
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas do Programa Principia da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás empresas e organismos de investigación en Galicia, destinadas ao fomento da contratación durante un período mínimo dun ano de persoal para a realización de actividades de I+D+i aliñadas coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia, co fin de favorecer a súa carreira profesional, así como estimular a demanda no sector público e privado de persoal suficientemente preparado para acometer proxectos de I+D+i.
Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as devanditas axudas para o ano 2019 en réxime de concorrencia competitiva (código procedemento IN848C). As axudas concedidas ás empresas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, en virtude do que o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.
En virtude do anterior, as empresas deberán declarar, no momento de presentar a solicitude, o conxunto de axudas recibidas pola empresa en concepto de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores, e durante o exercicio fiscal en curso.
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarios destas axudas:
a) As empresas, de calquera tamaño, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia.
b) Os organismos de investigación públicos ou privados galegos ou con centro de traballo en Galicia, tendo en conta que quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativas a actuacións de I+D+i.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderse que o prazo expira o derradeiro día do mes.