martes, 8 de enero de 2019

SUBVENCIÓNS PARA A CREACIÓN, MELLORA E AMPLIACIÓN DE PEQUENAS INFRAESTRUTURAS PARA PROXECTOS DE BIOMASA DESTINADAS A PARTICULARES

AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA


Obxecto
1. Aprobar as bases reguladoras das subvencións, para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa, cofinanciadas parcialmente polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, para o exercicio 2019, que se xuntan a esta resolución como anexo I (IN421H, IN421I).
2. Seleccionar, en réxime de concorrencia competitiva, as entidades colaboradoras que participarán na súa xestión.
3. Aprobar os formularios para a xestión da convocatoria do ano 2019 que se xuntan á resolución como anexos II a IX.
4. Publicar o convenio de colaboración para as axudas a particulares para proxectos de enerxías renovables, ao cal deben adherirse as entidades colaboradoras (anexo X).
5. Convocar para o ano 2019, en réxime de concorrencia competitiva, segundo o disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as subvencións dirixidas a proxectos de enerxías renovables e a mellora dos servizos básicos e renovación da poboación nas zonas rurais para equipos térmicos de biomasa.

Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas propietarias de calquera dereito sobre un inmoble de dereito residencial ou as comunidades e mancomunidades de veciños, sempre que as actuacións subvencionables descritas no artigo 3 se realicen en vivendas ou edificios do sector residencial sitas na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, as agrupacións de persoas físicas, privadas sen personalidade, sen que estas se poidan disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes de axudas serán presentadas polas entidades colaboradoras segundo o modelo do anexo III desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.
As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal) de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).
Se a entidade colaboradora presenta a solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
2. As entidades colaboradoras contarán cun prazo de quince (15) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, para solicitaren a súa adhesión, cubrindo e confirmando o formulario de adhesión (anexo II).
3. O prazo de presentación das solicitudes de axudas será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao de remate do prazo de adhesión das entidades colaboradoras. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.