AXENCIA TURISMO DE GALICIA
Obxecto e réxime
Estas bases teñen por obxecto regular a concesión dos premios Galicia Parabéns como un recoñecemento institucional e social ás iniciativas destinadas a conservar, mellorar e embelecer as paisaxes, os núcleos poboacionais e os Camiños de Santiago dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. (TU201A).
Os premios Galicia Parabéns constarán das seguintes categorías:
1ª categoría:
Destinada a distinguir as iniciativas ou actuacións realizadas, nos últimos dez anos, para conseguir unha mellora da paisaxe, unha integración axeitada nela de elementos antrópicos (arquitecturas, estradas, industrias, canteiras, etc), ou da propia mellora estética dos núcleos poboacionais. Así mesmo, inclúense nesta categoría as iniciativas ou actuacións de embelecemento realizadas nos lindeiros das rutas dos Camiños de Santiago.
2ª categoría:
Destinada a premiar os mellores proxectos dirixidos á realización de obras de revalorización e embelecemento, tanto para promover unha mellora da paisaxe como para intervencións nos núcleos poboacionais ou nos lindeiros dos Camiños de Santiago.
Entidades beneficiarias
Poderán participar nesta convocatoria, segundo as categorías que se establecen no artigo anterior, os concellos, as agrupacións de concellos de Galicia, as mancomunidades de concellos de Galicia e os consorcios locais galegos.
Para os efectos desta resolución, considérase agrupación de concellos aquela candidatura subscrita por dous ou máis concellos, e deberá axustarse ao disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Os concellos non poderán solicitar o premio en máis dunha candidatura. A infracción deste criterio dará lugar á non admisión de todas as candidaturas de que formen parte.
Non poderán participar nesta convocatoria as sete grandes cidades galegas: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela, e as entidades locais en que están integradas.
Non se admitirán as solicitudes presentadas por consorcios locais dos cales forme parte a Xunta de Galicia e financie, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamento.
Prazo de presentación de solicitudes
As solicitudes deberán presentarse no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e segundo se establece no artigo 5 das bases reguladoras.
Prazo de xustificación da subvención
Os prazos para presentar a documentación xustificativa serán:
Fase 2019: 15 de decembro de 2019.
Fase 2020: 30 de novembro de 2020.